Videla implica a Igrexa católica nas desaparicións de Arxentina

Nunha entrevista que está a conmocionar a opinión pública do seu país, o ditador Jorge Videla vén de recoñecer a complicidade da Igrexa católica nas desaparicións da Arxentina.

Na entrevista concededida e aceptada por carta manuscrita a unha publicación de Córdoba, Jorge Videla asegurou que altos representantes da Igrexa católica participaran na xestión da represión e mesmo se ofreceran para comunicar ás familias os asasinatos dos seus co fin de conseguir que non o fixesen público.

Cita Videla na súa entrevista altos representantes da Conferencia episcopal, nomeadamente o ex nuncio apostólico Pío Laghi, o expresidente da Igrexa católica da Arxentina Raúl Primatesta e outros bispos que, segundo di “ofreceron os seus bos oficios” para a xestión da información da represión, en especial, buscando calar as familias e rematar coa súa busca.

A sospeita sobre a intensa participación da Igrexa na ditadura arxentina paira desde os propios inicios mais foise incrementando nos últimos tempos, até que o propio episcopado se viu na obriga de recoñecer hai dous meses a autenticidade duns documentos secretos que confirmaban o seu coñecemento dos crimes dos militares arxentinos.

O xornalista Adolfo Ruiz publica na revista cordobesa El Sur a entrevista realizada con Videla no cárcere en 2010, máis o ditador puxo como condición que só se publicase cando abandonase a provincia. “Con eles tivemos moitas conversas. Co nuncio apostólico Pío Laghi. Planteóuselle como unha situación moi dolorosa e asesoráronnos sobre a maneira de manexala. Nalgúns casos, a Igrexa ofreceu os seus bos oficios e fronte a familiares que se tiña a certeza de que non farían un uso político da información, díxoselles que non buscasen máis o seu fillo porque estaba morto”, explica Videla. A recente sentenza que acusa os altos dirixentes da ditadura do roubo de bebés, non implica a Igrexa e son xa varias as iniciativas que demandan que se recoñeza xudicialmente a súa participación na represión.

Comentarios