A vida paralela dos xudeus ultraortodoxos de Israel complica o control da Covid

Israel foi o primeiro Estado do mundo en decretar un segundo confinamento xeral ante o aumento dos casos da Covid. Tras tres semanas de medidas restritivas, o número de contaxios comeza a decrecer, mais preocupa aínda a propagación da infección entre os haredi, unha comunidade que rexeita a autoridade do Goberno israelí.
photo_camera Dúas parellas 'haredi' nunha parada de bus en Xerusalén (Adam Jones / CC)

O pasado domingo, a Policía de Israel multou miles de xudeus ultraortodoxos por ignorar as normas sanitarias contra o coronavirus despois de participar nunhas marchas para conmemorar a festividade de Simhat Torá en Xerusalén e noutras localidades. O asistentes non levaban máscaras e desatenderon o distanciamento físico.

O domingo anterior, a situación foi similar. Tamén houbo multas e ademais enfrontamentos cos corpos de seguridade, que dispersaron a concentración de centos de membros da comunidade ultraortodoxa nunha sinagoga de Xerusalén, entre berros de "nazis, nazis" e "Volvede a Alemaña!". A noite acabou con 13 detidos.

E recentemente, a Policía identificou e multou catro pacientes con Covid noutra sinagoga de Xerusalén. É na veciñanza de Mea Shearim desta cidade, onde residen ultraortodoxos antisionistas que rexeitan a autoridade do Estado de Israel, onde se producen maiores conflitos.  Tamén na localidade de Bnei Brak, onde ducias de seitas ultraortodoxas ou haredis levan vidas segregadas do Estado de dereito. Non son a maioría, mais unha minoría ignora por completo as normas para previr os contaxios, malia que as infeccións están a aumentar nas súas comunidades. 

Unha situación que, segundo os medios locais, está a unir o resto da sociedade israelí, frustrada co comportamento dos haredis, que por outra banda padecen habitualmente taxas de pobreza e de precariedade sanitaria máis elevadas que o resto da poboación.

Segundo confinamento

Ante o masivo aumento de contaxios, por riba dos 5.000 diarios, Israel ─de nove millóns de habitantes─ iniciou o 18 de setembro un novo confinamento xeral, converténdose no primeiro Estado do mundo en o facer.

En principio estaba previsto para 21 días, coincidindo con tres moi importantes festividades para os xudeus: Rosh Hashaná, Yom Kippur e Sucot. Só unha semana despois de se decretar endurecéronse aínda máis as medidas.

Actividade económica ao mínimo, redución do movemento da poboación a un quilómetro do domicilio e clausura parcial do aeroporto Ben Gurion de Tel Aviv. E unha importante diferenza: a restrición dos rezos e das manifestacións ─coincidindo ademais coas protestas contra o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu─. 

As concentracións contra el repítense semanalmente de forma masiva desde hai máis de catro meses, e en formato máis limitado desde hai máis dun ano. Piden a dimisión del polo seu procesamento en tres casos de corrupción e pola xestión da pandemia e da crise económica que esta xerou. O movemento que as convoca, Bandeira Negra, anunciou que se retomarán este sábado. 

A tramitación do controvertido novo confinamento provocou críticas do socio de Goberno de Netanyahu. "A decisión dun fechamento estrito foi tomada para deter a propagación do virus, non para bloquear as protestas ou a oración comunitaria", recriminou o centrista Benny Gantz. Finalmente, o Parlamento aprobou a medida ben entrada a madrugada do 30 de setembro tras un pacto entre o Likud de Netanyahu e o Azul e Branco de Gantz para estender as restricións só unha semana.

Non obstante, contemplábanse prórrogas tal e como aconteceu. A última ─derradeira, segundo apuntou onte o diario Haaretz─ foi o 8 de outubro, con fin na medianoite de hoxe.  Despois de tres semanas de confinamento estrito, o número de casos está a decrecer gradualmente. Porén, continúa a preocupar a propagación da infección entre a comunidade ultraortodoxa. Esta representa arredor de 10% da poboación israelí, mais acumula máis dun terzo do total de contaxios da Covid-19.

Danzas e beixos 

Foi ese 8 de outubro, quinta feira, que en previsión da Simhat Torá ─do sábado ao domingo pasados, despois de finalizar a Sucot─ se aprobou o segundo confinamento xeral. A festividade marca o final do ciclo de lectura deste texto sagrado que se corresponde co Pentateuco cristián, e celébrase habitualmente con bailes, portando no colo e beixando rolos da Torá.

"Non vaiades á sinagoga. Orade fóra e mantendo a distancia. Non bailedes", pediu Benjamin Netanyahu nun comunicado público. "Non infectedes e non vos infectedes. Non hai maior blasfemia a Deus que perder vidas pola Simhat Torá, e non hai maior traxedia", engadiu.  

Segundo os últimos datos oficiais, Israel conta con 51.564 casos activos e acumula 2.034 persoas falecidas desde o inicio da epidemia. Nos territorios ocupados de Palestina, en Cisxordania hai 5.093 casos activos ─suma 421 mortes─, e en Gaza 1.610 casos activos e 24 mortes.

O efecto espello coas monarquías do Golfo

Ezra Nahmad, xornalista da revista francesa Orient XXI, especializada no mundo árabe e musulmán, cre que hai unha similitude entre Israel e as monarquías do Golfo Pérsico, dúas das rexións con maior taxa de contaxios da Covid. Se no caso israelí é na comunidade haredi onde hai máis, nos países do Golfo focalízanse nos traballadores inmigrantes. "A sociedade israelí e as das monarquías están totalmente partidas en dous.

Os países do Golfo presentan unha socioloxía singular: unha parte importante da súa poboación, entre 50% e 90%, compóñena traballadores inmigrantes. Eses traballadores son as primeiras e principais vítimas da enfermidade [...]. En Israel, a fractura entre relixiosos ultraortodoxos e o resto da sociedade repercute na maioría das esferas da vida social", di. E sostén que "nese contexto de desigualdade de riqueza e división comunitaria" a Covid produce "crises inéditas".

Comentarios