O vicepresidente dos EUA nega ser o autor dun artigo anónimo contra Trump

House of cards non chegou tan lonxe: a biblia do progresismo estadunidense The New York Times publicou un artigo crítico con Donald Trump pretensamente escrito por un alto cargo da súa propia administración. Unha peza anónima. As especulacións apuntaban o vicepresidente Mike Pence. Como non podía ser doutro xeito, este négao.

pence
photo_camera Pence, no cartaz de campaña

Trump ve espectros por toda a parte: a CIA, o FBI e agora o seu vicepresidente. Enfrontado mortalmente coa imprensa situada na órbita do Partido Demócrata, o inquilino da Casa Branca leu con estupefacción nas páxinas de The New York Times un artigo anónimo titulado "Son parte da resistencia dentro da Administración Trump". Certos ruxe-ruxes murmuraron como hipotético nome do autor o de Mike Pence, o número dous do ticket que levou o magnate á presidencia dos EUA. Esta quinta feira Pence negouno rotundamente.

Quen queira que escrebese o artigo puxo isto negro sobre branco: "Moitos dos altos cargos da súa Administración [refírese ao Goberno Bush] traballan dilixentemente desde dentro para frustrar parte da súa axenda e para frear as súas apostas máis daniñas".


A ninguén que acompañe a política estadunidense pode admirar que na cúpula do Goberno  —como na ponte de mando do Partido Republicano— existan voces disidentes con algunhas das liñas políticas que tracexa Trump, sobre todo en política internacional e nomeadamente no que ten a ver coa súa alianza tácita con Vladimir Putin [a conexión rusa que investigan as axencias de intelixencia por considerar que nela se acha a chave da vitoria do plutócrata frente a Hillary Clinton nas eleccións presidenciais de 2016].


O autor do artigo anónimo afirma que partilla os obxectivos da Administración Trump, mais a seguir esclarece que os seus éxitos se teñen conseguido a pesar do presidente, a quen cualifica como "impulsivo", "errático" e "inmoral", un individuo cuxos "desencamiñados impulsos" terían de ser controlados "polo ben dos Estados Unidos".


Fiel ao seu estilo, Donald Trump cargou contra o mensaxeiro, isto é, contra The New York Times. En twitter o magnate moquéase do nome do rotativo neiorquino—o Falido New York Times, rebautízao—, dá por suposto que a fonte da que botou man para publicar este artigo é "falsa" e, en todo caso, afirma que no caso de esa persoa anónima existir o xornal debería "entregalo" ao Goberno de inmediato "por motivos de seguranza nacional".

Comentarios