Vicent Partal é xornalista e director de Vilaweb

Vicent Partal: "Non hai posibilidade de referendo pactado con España"

O soberanismo catalán voltará a saír á rúa este 11 de setembro con motivo da Diada. Onte, o xornalista e director do dixital en catalán Vilaweb pronunciou un discurso no acto institucional do Parlament polo Día Nacional de Catalunya. Con el conversamos sobre a situación do independentismo e a nova estratexia.
O xornalista Vicent Partal interveu onte no acto institucional do Parlament con motivo da Diada. (Foto: Vilaweb) #vicentpartal #vilaweb #diada #parlament
photo_camera O xornalista Vicent Partal interveu onte no acto institucional do Parlament con motivo da Diada. (Foto: Vilaweb)

-Parece que a manifestación da Diada convocada pola Assemblea Nacional Catalana (ANC) será menos masiva que outros anos. Hai desgaste nas bases do independentismo? 

Si. Hai dous factores. Un é a pandemia. A xente segue a ter certo medo a actos masivos e iso debe terse en conta porque en ningún lugar de Europa se están a facer agora mesmo manifestacións masivas ao estilo de Diadas anteriores. Mais alén disto, hai un malestar grande en boa parte do independentismo. Primeiro hai unha división interna entre os que cren que hai que superar o 1 de Outubro e os que cren que non se pode eliminar o que significou. E, en segundo lugar, hai moita xente moi desencantada co Govern, coas políticas dos partidos da maioría independentista no Parlament, e creo que boa parte desta xente teme que acudir á manifestación sexa logo utilizado polo Govern como unha especie de apoio á Mesa de Diálogo. Pese a que a ANC foi moi clara e moi rotunda en desmarcarse disto, hai unha certa confusión e claramente a manifestación non vai ser como as de antes da pandemia. 

-Os indultos destensionaron o conflito? Crearon unha idea falsa de normalidade?

Non, o conflito segue onde estaba. Non mudou nada. De feito, Catalunya segue rexida por un Estatut que non foi votado pola poboación, senón que foi mudado polo Tribunal Constitucional e esa é a orixe da fase aguda do conflito en 2010. 

Pedro Sánchez conseguiu vender os indultos como un éxito seu cando en realidade foi un éxito da presión da rúa e do Consello de Europa co seu ditame. Sánchez fai o acto do Liceu [en que anuncia os indultos] horas antes do ditame do Consello de Europa porque non tiña máis remedio que soltar os presos. Que España non poida aguantar en prisión os líderes políticos cataláns e se vexa obrigada a soltalos é un éxito. Por iso o indulto é un éxito. Mais a xente viviuno mal porque a clase política, especialmente desde o acordo de goberno entre Esquerra e Junts, optou por unha axenda claramente autonomista, sen ningunha perspectiva independentista. E isto decepcionou a xente e hai moita inquietude por saber como superar esta fase e recuperar a situación anterior.

-E como ve a estratexia de Pere Aragonès e a relación con Junts?

Aínda que ERC estaba na posición de abandonar calquera idea de confrontación e de xogalo todo a un pacto co Estado español -que eles mesmos recoñecen que nunca existirá e que, por tanto, non ten sentido-; o que sorprendeu moito foi a rapidez coa que a CUP acordou dar dous anos de marxe, o que supón paralizalo todo nese tempo. E iso que a CUP se presentara ás eleccións como a que máis representaba a idea de confrontación do 1 de Outubro. E tamén sorprendeu o que pasou con Junts, que se presentara cun programa rupturista e, de repente, acéptao e páctao todo.

Aquí houbo unha situación que moita xente non entendeu. Como puido ser que todo isto pasara tan rápido? ERC só sacou un deputado máis que Junts e a CUP tivo 10, polo que había 11 deputados máis en teoría rupturistas que reformistas. Porén, fomos parar ao reformismo máis salvaxe. Estamos nunha fase de fialo todo a unha mesa de dialogo que mesmo en ERC saben que non vai a ningunha parte. 

-Mais haberá algunha expectativa na mesa de diálogo...

Ningunha. Non hai nada de que falar. Isto fíxose mal. O diálogo tense que facer en tempo e forma e os partidos cataláns tiñan que telo feito o día que decidiron que ían facer presidente Pedro Sánchez para botar Mariano Raxoi. E se non pactas nesas, xa non pactas nunca. Que interese ten Sánchez en pactar nada? Ademais hai unha trampa da transición que é pensar que o PSOE só representa a esquerda e que se non está o PSOE vén unha dereita monstruosa. E iso historicamente fixo que as esquerdas nacionais acaben sendo satélites do PSOE. 

Na Galiza o BNG desmarcouse bastante ultimamente non votando a favor do que fai o PSOE. En cambio Esquerra vótao todo, até as cousas mais incríbeis. Que aliciente ten Sánchez para pactar nada se xa ten os votos gratis? En canto abandonas a idea de que o PSOE é o piar fundamental para que aguante o réxime e o posfranquismo, convérteste no seu satélite e afundes, que é o que lle pasa a Podemos, que vai camiño da irrelevancia máis completa.

-Pode esta Diada supor a volta a unha estratexia común do independentismo?

Pode que na Diada se exprese popularmente o malestar da poboación coa clase política. E segundo a dimensión que isto teña é evidente que pode ter consecuencias. Ao final, todo o proceso de independencia saíu da rúa, que foi presionando a clase política e obrigándoa a tomar decisións. 

Ademais hai un movemento subterráneo do cal sabemos pouco: estanse a facer reunións a seis nas que están ERC, Junts CUP, ANC, Òmnium e Consell per la República.

Están a ser levadas moi en segredo. E iso significa que están a avanzar en algo. O pouco que se sabe é que buscan un acordo para ver que facer despois do fracaso da Mesa de Diálogo. Isto é interesante. E dependerá do que pase hoxe, se a manifestación é claramente contra os políticos, acelerarán. Ademais, nunhas semanas virán as mobilizacións e conmemoracións do 1 de Outubro.

Comentarios