Informe da Euskal Memoria Fundazioa

Verifican máis de 5.000 casos de torturas en Euskal Herria

A Euskal Memoria Fundazioa vén de alertar de 1.007 novos casos de tortura verificados en Euskal Herria, unha cifra que ascende a 5.022 casos de torturas no seu total. A meirande parte derivarían de detencións da Policía e da Garda civil.

Tortura

A fundación da memoria vasca cuantifica en 5.022 as persoas que sufriron torturas constatadas entre o 1947 e o 2014. Un total de 4.224 son homes e 798, mulleres. A respeito da autoría das detencións nas que se produciron torturas, o 46% corresponden á Policía, o 42% á Garda Civil e o 7% á Ertzaintza. O 5% restante correspondería a corpos de seguridade doutros Estados.  

A Euskal Memoria Fundazioa afirma que “foi posíbel verificar caso por caso” nas denuncias realizadas e salienta o “total grao de fiabilidade” do reconto. “Antes de subirmos os dados á rede deuse un estrito proceso de verificación dos mesmos”, asegura. Até a realización desta investigación por parte desta entidade tan só había estimacións aproximadas.

A Fundación sinala que a cifra de 5.022 persoas torturadas en Euskal Herria, cuxos nomes poden consultarse na páxina web, é provisional, xa que poderían revelarse novos casos.

Entre os nomes que recolle a listaxe atópase o de Joseba Arregi, militante da ETA, quen faleceu en 1981 após 9 días de detención incomunicada (o informe forense recoñecera a tortura), ou o de  Ixone Fernández, detida o 8 de febreiro de 2005 en Cádiz, quen fixo públicas as torturas que sufriu nunha entrevista na EITB.

Comentarios