A oposición colombiana dá a razón a Maduro

Venezuela ve operacións de falsa bandeira na queima dos camións con "axuda humanitaria"

Alguén prendeu lume a vehículos cargados de alimentos e medicamentos na ponte fronteiriza Simón Bolívar entre Colombia e Venezuela. Chavistas e opositores intercambian acusacións sobre a autoría dos ataques. Para Caracas, a queima dos camións é unha operación de falsa bandeira cun único obxectivo: dar aos EUA unha escusa para enviar tropas contra o país caribeño.

ponte
photo_camera Imaxe da ponte Simón Bolívar tomada desde un dron

Desde a contorna de Juan Guaidó e os sectores partidarios do golpe en curso patrocionado polos EUA afírmase sen sombra de dúbida que os ataques contra os camións na ponte fronteiriza Simón Bolívar partiron de efectivos da Garda Nacional Bolivariana.

Caracas contra-atacou este domingo e —nunha conferencia de imprensa do seu ministro de Comunicación, Jorge Rodríguez— atribuíu a queima dos camións a unha operación de falsa bandeira [cargar falsamente a responsabilidade dun ataque a un dos bandos enfrentados nun conflito como pretexto para abrir as hostilidades bélicas contra el] organizada polos opositores en combinación con Washington.

As tensas escenas da ponte Simón Bolívar prodúcense nun contexto en que dirixentes da direita venezuelana pro-estadunidense continúan a flirtear coa opción dunha intervención militar norteamericana visando o derrocamento do goberno de Nicolás Maduro.

Do lado colombiano emerxeu a voz de Gustavo Petro, dirixente de centro-esquerda e candidato alternativo ao uribista Iván Duque nas eleccións presidenciais de xuño de 2018 [perdeu ao obter 41 por cento fronte 53 do gañador].

Na súa conta twitter, Petro asegura que todos os indicios disponíbeis apuntan os opositores venezuelanos como os autores da queima dos camións.

 

Comentarios