Caracas responde aos EUA: "Non suspenderemos as eleccións do 20M. É a nosa soberanía"

Boicotadas polos sectores máis estremistas e pro-Washington da dereita, as eleccións do próximo 20M en Venezuela representan un test para medir o apoio popular ao goberno de Nicolás Maduro. As frontes de batalla para o chavismo son múltiples: á guerra coa oligarquía do país -que sabota todas as iniciativas do poder executivo- súmanse as cada día máis intensas presións diplomáticas dos EUA.

samuel moncada
photo_camera Samuel Moncada

O vicepresidente dos EUA Mike Pence deu unha volta de porca á campaña anti-venezuelana da administración Trump ao demandar a Nicolás Maduro que desconvoque as eleccións do 20M. Aconteceu esta segunda feira nunha intervención perante o Consello Permanente da Organización de Estados Americamos (OEA). O chamamento de Pence está condenado ao fracaso. Tampoco é que se esforzase moito en ser diplomático: acompañou o apelo da petición ao resto de membros da OEA de que suspendan a presenza de Venezuela na organización, paso previo para a súa expulsión.

O número dous da Administración Trump chamou a que a OEA impuxese máis sancións a Venezuela e a restrinxir os visados aos altos funcionarios do goberno de Maduro.

Pence está a ser especialmente activo nas manobras inxerencistas dos EUA en Venezuela, con contacto permanente con dirixentes da oposición dereitista. O boicot ao 20M dos sectores máis reaccionarios e pro-norteamericanos da dereita ten sido directamente inspirada pola Casa Branca. Por súa parte, portavoces da oposición a Maduro non só teñen aplaudido as sancións impostas pola Administración Trump a Caracas, senón que mesmo teñen apelado a que Washington as endureza.

O discurso de Pence foi rapidamente replicado polas autoridades venezuelanas. Nunha conferencia oferecida esta terza feira na sede da OEA en Washington, o representante de Venezuela perante esta organización internacional, Samuel Moncada, declarou: "Non existe a posibilidade en ningún momento de que se suspendan as eleccións o 20 de maio, porque é unha expresión da nosa soberanía e do direito do pobo venezuelano a decidir, o pobo venezuelano vai votar por millóns, en contra dos catro gatos que veñen aquí a impor unha invasión militar".

Moncada acusou Pence de cometer un "crime internacional" ao promover sancións contra un país soberano. A ollos de Venezuela, o vicepresidente dos EUA estaría a violar as cartas da OEA e da ONU.

Comentarios