Venezuela respecta a última petición de Chávez: Maduro asome a presidencia do país

Unha sentenza do Supremo ditada en xaneiro permite a Maduro cumprir unha das últimas vontades do líder bolivariano malia á constitución. En 30 días haberá eleccións
photo_camera Chávez, nunha imaxe de arquivo [SG]


O ministro de Exteriores de Venezuela, Elías Jaua, confirmou que tras a morte de Hugo Chávez, será o vicepresidente, Nicolás Maduro, quen asumirá as funcións presidenciais até que se celebren eleccións presidenciais, nos vindeiros 30 días.

Con todo, a Constitución estabelece que debera ser o presidente da Asembleia nacional, Diosdado Cabello, quen encamiñe o país aos comicios.

"Produciuse unha falta absoluta, asome o vicepresidente para chamar a eleccións os 30 próximos días", sinalou Jaua nunha entrevista, explicando que seguirán unha das derradeiras peticións de Chávez. O 8 de decembro de 2012, cando ía someterse a máis unha intervención cirúrxica, en Cuba, reclamou que se algo lle acontecese @s membr@s do seu goberno e o pobo venezolano apoiasen o vicepresidente Maduro como o seu sucesor.

Analistas debátense, xa que logo, entre o artigo 233 da constitución e unha sentenza do tribunal Supremo que avalou retrasar máis aló do 10 de xaneiro a toma de posesión de Chávez e recoñeceu a continuidade da súa xestión por ser o presidente reeleito. O mencionado precepto constitucional considera "falta absoluta" a morte do presidente, a súa renuncia, a destitución, a incapacidade física ou mental, o abandono do cargo e a revocación popular do seu mandato. Acrecenta que ocupará a presidencia o titular da Asembleia nacional.

Porén, a resolución do Supremo puntualizou que "non é necesaria unha nova toma de posesion en relación ao presidente Chávez na súa condición de reeleito", dando por encetado o seu mandato durante o periodo 2013-2019. Deste xeito, de novo coa constitución na man, Maduro pode asumir a presidencia de Venezuela pois a Carta magna dispón que se a falta se produce nos catro primeiros anos do periodo constitucional procederase a unha nova elección dentro dos trinta días consecutivos e namentres encargarase o vicepresidente.

"Cesen a divulgación do odio e respecten a dor do pobo"

Jaua aproveitou a entrevista que concedeu a TeleSur para facer un chamamento á oposición: "cesen a divulgación do odio e respecten a dor do pobo polo presidente, a quen defendeu durante 14 anos en todas as súas circunstancias". Hugo Chávez morreu esta terza feira aos 58 anos de idade, após superar catro operacións contra un cancro que lle sobreveu na zona pélvica.

Comentarios