Venezuela regula por lei as marxes de beneficio empresariais

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, anunciou a posta en marcha da Lei de Prezos Xustos, que pretende "equilibrar e sanear a economía" do país, á vez que activou un Estado Maior para garantir o abastecemento alimentario.

maduro
photo_camera Maduro nun discurso público [Arquivo SG]


O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, anunciou unha lei que estabelecerá que as marxes de ganancia para o empresariado non poderán superar o 30%.

Fíxoo durante un discurso posterior ao Consello de Ministros realizado no palacio de Miraflores e no cal Maduro salientou que o país bolivariano vai "cara ao saneamento das perturbacións na cadea económica, produtiva, distributiva e comercializadora".

A iniciativa feita pública polo mandatario venezuelano suporá a "segunda fase" da ofensiva económica lanzada polo Executivo co obxectivo de "protexer o pobo da usura e a especulación". No plano práctico, garantirá a revisión de todo o proceso económico e establecerá as devanditas marxes de ganancia.

14 anos de cadea por usura ou contrabando de alimentos

O texto recolle tamén as sancións ás cales se enfrontará quen incumpran a citada lei. En concreto, contempla severas penas en caso de usura e contrabando de alimentos, que poden chegar até os 14 anos de cárcere. Por iso, pide á cidadanía que non se deixe "manipular" polos "delincuentes que rouban o pobo".

"Aquí ninguén vai vir con nerviosismo nin apuro, porque así funcionan os delincuentes, as mafias, crean falsas necesidades ou crean crises para que saian as divisas da República a mans da burguesía parasitaria", sentenciou Maduro durante a súa intervención pública. Aliás, o mandatario subscribiu acordos bilaterais con países coma Cuba, Arxentina, Colombia e Uruguai en virtude dos cales ficará garantido o abastecemento de alimentos e produtos de primeira necesidade.

Comentarios