Venezuela incorpórase a Mercosur o 31 de xullo

O día 31 de xullo Venezuela ingresará en Mercosur, coa participación de Hugo Chávez na cimeira que oficializará a integración en Brasil. Os presidentes de Brasil, Arxentina e Uruguai acordaran a incorporación de Venezuela no último cumio celebrado en xuño, ao ser suspendido Paraguay

Na reunión que tivo lugar no mes de xuño en Mendoza, Arxentina, os presidentes de Brasil, Arxentina e Uruguai acordaron a incorporación de Venezuela como membro pleno ao tempo que decidían suspender a participación de Paraguay até que se celebren novas eleccións xerais en abril de 2013.

O Mercado Común do Sur (Mercosur) está integrado por Arxentina, Brasil e Uruguay, despois da suspensión de Paraguay pola violación da Cláusula Democrática do Protocolo de Ushuaia. Foi creado o 26 de marzo de 1991 coa sinatura do Tratado de Asunción e ten como obxectivo o desenvolvemento dunha polìtica comercial común, a libre circulación de bens e servizos, a coordinación de políticas macroeconómicas e sectoriais e afortalar o proceso de creación.

O protocolo para a adhesión de Venezuela fora xa subscrito en 2006 mais non entrara en vigor por non cumprir a condición de ter sido ratificado polos parlamentos dos países asinantes xa que Paraguay puña reparos á entrada da Venezuela de Chávez. Unha vez suspendido da súa participación na toma de decisión, os países participantes aprobaron a incorporación de Venezuela que se fará efectiva o 31 de xullo coa presenza do propio Chávez.

A integración de Venezuela anunciouse a fins de xuño e farase efectiva o próximo 31 de xullo. Son países asociados de Mercosur, Bolivia, Chile, Colombia, Perú e Ecuador.

Comentarios