Venezuela declara 'persoa non grata' a Felipe González

A Asemblea Nacional aprobou unha iniciativa presentada polo deputado do Partido Comunista de Venezuela, Yul Jabour.

Felipe González
photo_camera Felipe González [PSOE]

Após anunciar o ex-presidente do goberno español, Felipe González, que integrará a defensa ad honorem de Leopoldo López, a Asemblea Nacional da República Bolivariana de Venezuela, aprobou unha iniciativa que declara González 'persoa non grata' para o pobo venezolano. 

A decisión prodúcese días antes da chegada de González ao país para iniciar a defensa de López e logo do aumento da tensión entre ambos os dous executivos polas declaracións do ex-líder socialista.

Neste senso, o presidente bolivariano, Nicolás Maduro, afirmou que Felipe González carece de "moral para dicir a palabra Venezuela". Na mesma liña, a chanceler vezenolana, Delcy Rodríguez, afrmou con anterioridade que o ex-presidente "non ten facultades" para exercer a avogacía en Venezuela nen "para entrometerse nos asuntos internos" do país. 

Aliás, o goberno bolivariano acusa a González de estar "comprometido coa dereita internacional" e de estar a inxerir nos asuntos internos do país caribeño. "É un problema de soberanía", apuntan. 

O defendido de González, Leopoldo López, foi detido en 2014 por delitos vinculados aos actos violentos acontecidos na capital de Venezuela no mes de febreiro do pasado ano. Feitos que precederon as protestas contra o goberno que se prolongaron durante 4 meses e nas que se rexistraron máis de 40 mortes. 

Comentarios