Venezuela: constitúese o Parlamento Comunal Nacional para garantir "o poder popular"

O chavismo lembra que é unha figura contemplada na constitución e que vai permitir afortalar “o poder popular”. A oposición di que é un paso para substituír unha Asemblea Nacional que a partir do 5 de xaneiro terá maioría anti-chavista.

Venezuela

O 6 de decembro o chavismo tivo a súa primeira gran derrota nestes 16 anos de proxecto. A oposición, reunida en torno á plataforma MUD e co anti-chavismo como único nexo de unión, logrou 112 dos 167 asentos da Asemblea Nacional de Venezuela, o que supón 2/3 da Cámara. Unha maioría cualificada que lle permite adoptar medidas que batan na liña de flotación do proceso que leva en marcha desde hai década e media. O 5 de xaneiro tomarán posesión os novos deputados e deputadas. Ábrese entón un escenario no que a posibilidade de cohabitación entre executivo e lexislativo preséntase complicada senón imposíbel.

É neste punto onde se constitúe o Parlamento Comunal Nacional, a máxima instancia de auto-goberno dos consellos comunais. Unha figura, como lembra o avogado e xurista Germán Saltón, que ten a súa lexitimidade na propia Constitución bolivariana, en artigos como o 5 ou o 70. A oposición, porén, ve neste Parlamento un intento de substituír a Asemblea Nacional, algo que o chavismo negou estes días.

“É unha instancia lexislativa do pobo desde a base”, defende Nicolás Maduro. En Venezuela hai 45.000 consellos comunais e 1.000 comunas

“É un poder que permite ao pobo dispoñer de recursos, xefaturas, toma de decisións, leis...”, explicou o presidente, Nicolás Maduro, cualificando o Parlamento Comunal como “unha instancia lexislativa do pobo desde a base”. Diosdado Cabello, presidente da Asemblea Nacional, acusou a MUD de “querer dar un golpe de Estado na AN” e defendeu o Parlamento Comunal ao tempo que pedía “unidade” para evitar retrocesos no proceso revolucionario.

En Venezuela hai por volta de 45.000 consellos comunais e 1.000 comunas. Os consellos son organizacións de veciños e veciñas que deicen colectivamente e de abaixo arriba o destino e desenvolvemento do seu territorio. As comunas, que nacen a raíz da unificación dos consellos, é “un proxecto político onde o pobo exerce o poder en todos os seus sentidos: produción de bens, planificación de políticas, execución e implementación das mesmas...”, explica Ana Marín, da comuna Panal 2020.

Comentarios