Vencedores e vencidos co regreso talibán

Perde o pobo. Como en calquera conflito civil. Especialmente as mulleres e outros colectivos que se beneficiaron dos avances en protección social e de modernización. Avances, porén, freados pola corrupción campante nas últimas décadas. Mais tamén no taboleiro da xeopolítica hai quen perde. E quen gaña.
EuropaPress_3884660_15_august_2021_us_washington_afghans_march_in_front_of_the_white_house_to
photo_camera Manifestación de mulleres afgás fronte a Casa Branca, en Washington DC, o pasado domingo (Foto: Sue Dorfman / ZUMA)

Pouco máis dunha semana foi o tempo que lle levou ao movemento talibán para se facer co control do Afganistán, dúas décadas despois de ser apartado do poder tras a invasión dos Estados Unidos en resposta aos ataques do 11 de setembro de 2001. As alarmas soaron na comunidade internacional, e se ben houbo unanimidade en pedir a fin da violencia e o respecto aos dereitos humanos, a posición das potencias mundiais no taboleiro xeopolítico difire en gran medida. Non todas gañan nin perden o mesmo co regreso dos talibán ao Goberno afgán.

Estados Unidos

Joe Biden é o centro de todas as críticas, internas e externas. O presidente estadounidense aseguraba hai seis semanas que era "moi improbábel" a vitoria talibán, malia as opinións contrarias das axencias de intelixencia. Ademais, as imaxes da evacuación en helicóptero da embaixada en Kabul trouxeron á memoria as da saída de Saigón, na Guerra do Vietnam. "Non se vai dar a circunstancia en que se vexa a xente no tellado da embaixada no Afganistán", dicía Biden en xullo. 

Nas últimas horas, o seu ministro de Exteriores, Anthony Blinken, comparecía en varios medios nun exercicio de 'control de danos' e insistía en que Kabul nada tiña que ver con Saigón. Tamén o propio Biden defendía a decisión da retirada: "Un ano ou cinco anos máis de presenza militar estadounidense non marcarían a diferenza se o Exército afgán non pode controlar o seu propio país. A presenza estadounidense sen fin no medio do conflito civil doutro país non era aceptábel para min".

E o senador Bernie Sanders, da ala máis á esquerda do Partido Demócrata ─formación de Biden─, escribía en Twitter: "A política internacional importa: despois de 20 anos de esforzo dos EUA, da perda de 2.448 soldados e dun billóns de dólares gastado, o Afganistán ficou cun Goberno corrupto e cun Exército incapaz. Neste momento, debemos facer todo o que poidamos para evacuar os nosos aliados e abrir as nosas portas aos refuxiados".

UE

A cuestión dos refuxiados é a que máis preocupa dentro do bloque comunitario. Porque ninguén dubida ─dan fe as imaxes do aeroporto de Kabul, onde cinco persoas morreron na marabunta de civís tentando embarcar─ que Europa vivirá unha nova crise migratoria como a que se produciu tras a guerra en Siria. 

Margaritis Schinas, vicepresidente da Comisión Europea, sinalaba en entrevista en La Stampa que "Europa xa non pode esperar" a respecto dunha normativa común para afrontar de maneira equitativa entre os 27 a presión migratoria e dos refuxiados.

Os ministros de Exteriores da UE manterán hoxe unha reunión de emerxencia por videoconferencia para facer "unha primeira valoración" dos acontecementos, segundo informou onte en Twitter Josep Borrel, o máximo representante da diplomacia comunitaria. "O Afganistán está nunha encrucillada.  A seguridade e o benestar da súa cidadanía, así como a seguridade internacional están en xogo", declarou.

ONU

Tamén hoxe está prevista unha reunión do Consello de Seguridade da ONU para analizar o novo escenario afgán tras a fuxida do presidente, Ashraf Ghani, ao Uzbekistán ─para "evitar un baño de sangue", defendeu─. 

O secretario xeral, António Guterres, puxo o foco nos aspectos humanitarios, salientando onte nunha mensaxe que estaban a chegar informes de graves abusos dos dereitos humanos no país.

Irán

Dentro da rexión, os inimigos declarados de Washington centráronse na súa saída. "A derrota militar e a retirada dos EUA do Afganistán deberían servir de ocasión para restaurar a vida, a seguridade e unha paz duradeira no país", declarou onte o novo presidente do Irán, Ebrahim Raisi.

Hamas

Hamas, a organización político-militar islamista que controla a faixa de Gaza, en Palestina, mostrou a súa satisfacción pola vitoria dos talibán. Nun comunicado emitido onte felicitábase pola "derrota da ocupación estadounidense en toda a terra afgá" e loaba os insurxentes polo "valente liderado na súa vitoria, que foi culminación da longa loita dos últimos 20 anos".

Rusia

Outro actor directamente involucrado na política rexional é Rusia. O enviado do Kremlin ao Afganistán, Zamir Kabulov, afirmou que a rápida vitoria talibán foi "inesperada", e que Rusia fora demasiado optimista sobre a capacidade das forzas afgás adestradas polos EUA e pola OTAN. 

Kabulov sinalou que o recoñecemento do Goberno talibán por parte de Moscova dependerá "do comportamento das novas autoridades". O embaixador de Rusia no Afganistán, Dmitry Zhirnov, reunirase hoxe con representantes dos talibán.

China

As análises internacionais dedican moitas liñas a valorar quen é o gran vencedor dos últimos acontecementos no taboleiro xeopolítico. Se EUA, a priori, é o gran derrotado, a maioría coincide en apuntar a China como o maior beneficiado do regreso talibán. 

Ahmed Rashid, autor de Taliban (2000), libro de referencia para entender a diversidade étnica afgá e as relacións internas e co Paquistán, sostén que Beijing será quen consiga os contratos para explotar os recursos naturais e minerais, dado que é o único que ten capacidade para facelo. Razón, argumenta Rashid, para que a China dese un paso atrás nas conversas de paz de Doha. 

Ademais, dentro da liña chinesa de non se inmiscir nos problemas internos doutros países ─e que ninguén o faga nos seus─, conseguiu o compromiso talibán de que o Afganistán non servirá de refuxio para os independentistas uighur, a minoría musulmá maioritaria na provincia baixo soberanía chinesa de Xinjiang, fronteira co Afganistán.

Neste sentido, outras análises consideran que a China se favoreceu da estabilidade que a presenza do Exército dos EUA ─malia a proximidade ás súas fronteiras─ trouxo a esa rexión a respecto do extremismo islamista. 

Un portavoz do Goberno chinés declaraba que están listos para afondar nas relacións "de amizade e cooperativas" co Afganistán. "Os talibán expresaron en reiteradas ocasións o seu desexo de desenvolver boas relacións coa China, e que agardan a participación da China na reconstrución e desenvolvemento do Afganistán", declarou a portavoz Hua Chunying, pedindo aos talibán que cumpran coa súa promesa de negociar o estabelecemento dun "Goberno islámico aberto e inclusivo". 

Comentarios