Varios Estados europeos seguen o ronsel alemán e estabelecen estritas restricións

A dez días do Nadal, a situación epidemiolóxica en Europa dista moito da estimada hai un mes cando se estabeleceron as restricións para chegar a estas datas con maior folgura. Agora, o medo ao descontrol posvacacional levou a un cambio de plans e Alemaña foi a primeira en dar o paso de endurecelas.
EuropaPress_3478803_14_december_2020_england_london_protesters_take_part_in_an
photo_camera Manifestantes contra as medidas restritivas estabelecidas polo Goberno británico, hoxe en Londres (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire)

Mañá entrarán en vigor as medidas decretadas en Alemaña o domingo ante o agudo incremento de contaxios de Covid, que volveron bater récords. O medo a que o coronavirus se volva incontrolábel tras as festas do Nadal levou a presidenta do Goberno, Angela Merkel, e os dirixentes dos 16 Estados federados a ordenaren o fechamento de todos os estabelecementos comerciais non esenciais: só abrirán supermercados, bancos e farmacias. Fechan tamén todos os centros educativos. A drástica decisión permanecerá activa até o 10 de xaneiro. 

Esta segunda feira as colas diante de numerosas tendas foron a tónica en moitas cidades, segundo recolleu o diario FAZ. Neste sentido, o ministro federal de Economía, Peter Altmaier, pediu en declaracións ao Bild que a cidadanía se abstivese de comprar regalos de Nadal e se limitase a adquirir só o esencial nestes dous días previos ao fechamento total.

Tamén o presidente de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier, fixo un chamamento público a aceptar as novas restricións á vida pública e á actividade económica co fin de conter a pandemia, xa que as adoptadas en novembro "non foron suficientes". A situación é "gravísima", dixo, mais engadiu: "A pandemia non nos vai roubar o futuro".

Contaxios disparados

Porén, Alemaña non é o único Estado da UE que se dispón a restrinxir ao máximo a actividade pública co fin de conter o virus e evitar o colapso dos centros sanitarios. Países Baixos tamén decidiu unha estrita clausura na mesma liña que os seus veciños xermanos, mais estendida até o 19 de xaneiro, segundo avanzaron a canle pública, NOS, e o principal periódico do país, De Telegraaf. No domingo, segundo datos recollidos polo departamento de seguimento da Covid da Universidade Johns Hopkins, rexistráronse 9.937 contaxios.

Máis ao norte, no Reino Unido, a capital inglesa, Londres, entrará ás 00.01 horas de mañá no nivel 3 de emerxencia, o máis alto do sistema de tres introducido o pasado 2 de decembro en Inglaterra polo Goberno británico, segundo informou onte o periódico The Guardian

A medra de contaxios "fóra do normal" ─sinalou o ministro de Sanidade, Matt Hancock, ante o Parlamento─ levou a esta decisión. Os datos apuntan case 24.000 casos na última semana.

Tamén en Francia o número supera todas as expectativas. Alí hoxe é o primeiro día sen confinamento desde que entrou en vigor o pasado 30 de outubro. Non obstante, daquela agardábase que nesta altura a afectación fose menor. Francia, ao igual que varios dos Estados da UE, calculou que o descenso no número de contaxios sería moito maior grazas ás restricións.

O presidente galo, Emmanuel Macron, fixárase como obxectivo unha cantidade de novos casos diarios de menos de 5.000, mais a media da última semana está arredor de 12.000 cada 24 horas. Segundo datos da Santé publique France (o Sergas francés), houbo 11.533 novos casos o pasado domingo (e 150 mortes) e 13.947 na xornada do sábado. 

Bares fechados

Aínda que finaliza o confinamento, haberá un toque de recoller entre as 20 horas e as 6 horas, coa excepción da Noiteboa. Ademais, os bares e restaurantes permanecerán fechados até o 20 de xaneiro. Como mínimo. "Non podo dicir con certeza que reabriremos bares e restaurantes o 20 de xaneiro", declarou onte o ministro de Economía, Bruno Le Maire, nunha entrevista na canle de noticias France Info

As manifestacións do representante gobernamental chegaban asemade que o sector da hostalaría saía ás rúas para reclamar que son un sector "esencial", en referencia ás excepcións na apertura de locais comerciais. "Déixennos traballar", reclamaron nunha masiva manifestación en París, con profesionais chegados de todo o Estado.

En Italia tamén se prevén medidas máis restritivas para estas datas festivas, que poderían entrar en vigor esta mesma fin de semana e se estenderían até despois de Reis. Hoxe, Giuseppe Conte e varios dos seus ministros mantiveron unha reunión co comité de expertos para analizar a situación, informou La Repubblica: o Goberno está dividido entre un modelo máis laxo ou o alemán.

A visita dun Papá Noel a un centro de maiores de Anveres deixa 75 infectados coa Covid-19

Un total de 61 residentes e 14 empregados dunha residencia de maiores de Mol, na provincia flamenga de Anveres, resultaron contaxiados coa Covid tras a visita dun home vestido de Papá Noel. O alcalde da localidade, Wim Caeyers, sinalou en declaracións a VRT News que o acto lúdico con motivo das festas de Nadal fora un "erro", malia ser feito "coa mellor intención". En todo caso, lembrou que estas actividades están prohibidas e que a responsabilidade recae na empresa xestora da residencia Hemelrijck (na imaxe), de 169 usuarios.

O home caracterizado como Papá Noel resultou ser un "supercontaxiador" e non notou síntomas até un día despois. A empresa xestora dixo inicialmente que se respectaran todas as medidas de seguridade, mais fotos dos familiares publicadas por VRT News probaron o contrario.

Comentarios