Varias comunidades endurecen as restricións do Estado para o Nadal

España comezará a administrar a vacina da Covid-19 o domingo 27 de de decembro
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou hoxe en rolda de prensa a chegada da vacina da Covid-19. (Foto: R.Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou hoxe en rolda de prensa a chegada da vacina da Covid-19. (Foto: R.Rubio / Pool / Europa Press)

As primeiras vacinas da Covid-19 administraranse no Estado español antes de rematar o ano: o domingo 27 de decembro, segundo informou hoxe o ministro de Sanidade, Salvador Illa, nunha xornada en que varios gobernos autonómicos anunciaron o endurecemento das restricións durante o Nadal nos seus territorios. 

A vacina de Pfizer e BioNTech contra o coronavirus chegará ao Estado español o 26 de decembro e será ao día seguinte cando se comece a administrar. Aliás, cada semana, recibiranse novas doses que se distribuirán de "forma equitativa" entre as comunidades autónomas. 

Precisamente, diversos Executivos autonómicos optaron onte por endurecer as restricións para as festas de Nadal e case a metade decidiu xa mudar o plan inicial aprobado polo Ministerio de Sanidade cos gobernos autonómicos e reducir de 10 a 6 o número de persoas que se poden xuntar en encontros familiares os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro. Por esta opción decantaríanse a Galiza, Valencia, Madrid, Asturies, Canarias e Balears -no caso de Mallorca-. Outras comunidades aseguraron que están a estudar restrinxir máis as medidas en función de como mude a situación epidemiolóxica

Foi o 2 de decembro cando se acordou entre o Ministerio e as comunidades o marco común para o Nadal mais apenas uns días despois o departamento de Salvador Illa anunciou que os Executivos territoriais poderían ampliar as restricións

Valencia prohibe entrar a familiares e achegados

Valencia foi a máis dura polo de agora e a primeira en contradicir o plan aprobado pola Comisión Interterritorial de Sanidade no que respecto ao desprazamento entre comunidades de familiares e achegados para acudir a celebracións de Nadal do 23 de decembro ao 6 de xaneiro. Isto fica prohibido polo Govern valenciano, que fecha todo o territorio salvo para residentes e persoas que se despracen por motivos laborais. O recoller obrigatorio en Noiteboa e Fin de Ano (atrasado no Estado ás 1.30 horas) amplíase só até as 00 horas. 

Nun nivel menos duro está Castela e León, que fechará o seu territorio ás e aos achegados mais si permitirá a entrada de persoas que se vaian reunir coas súas familias. 
En Aragón, pola contra, a mobilidade con outras comunidades autónomas só se autorizará do 23 ao 26 de decembro e do 30 ao 2 de xaneiro. 

Madrid non fecha

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, xa descartou en sesión parlamentar o confinamento perimetral da rexión, asegurando que non vai impedir que as cidadás e os cidadáns "entren ou saian" da comunidade para ir visitar as súas familias e achegados no Nadal. Ademais, tamén se comprometeu a manter aberta a hostalaría e os comercios. 

Catalunya, fechada por comarcas 

A Generalitat de Catalunya mantén o plan inicial de permitir dez persoas nas reunións dos días 24, 25, 26 e 31 -o resto dos días serán seis persoas máximo, como na actualidade- e estas non poderán pertencer a máis de dous grupos de convivencia. Familiares e achegados poderán cruzar o confinamento perimetral -que si continúa- e o recoller obrigatorio na Noite Boa e en Fin de Ano será até a 1 da madrugada. 

A mobilidade fica restrinxida por comarcas até o 11 de xaneiro e, como excepción, unha burbulla de convivencia poderá saír da comarca para desprazarse até unha segunda residencia, hotel ou casa rural. 

Euskadi emite xustificante e Galiza abre a achegados

Tamén Euskadi mantén os parámetros acordados co Ministerio, aínda que respecto a á mobilidade de familiares e achegados durante os días 23 e 26 de decembro e o 30 de decembro e o 2 de xaneiro, o Goberno Vasco emitiu un xustificante de movemento.

No caso da Galiza, a recomendación da Xunta é que nos encontros familiares non se superen as seis persoas e sexan dunha única unidade de convivencia, aínda que permitirá que sexan dúas e as crianzas non computan. En canto ao fechamento perimetral este non afectará, salvo novo criterio, a familiares e achegados que poderán vir ao noso país. 

Comentarios