Vancouver, de novo á vangarda na loita contra as sobredoses

O concello desta cidade na costa do Pacífico do Canadá aprobou por unanimidade despenalizar a "posesión menor" de drogas ilícitas como a heroína. Só no pasado mes de outubro 162 persoas morreron por sobredose.
insite_vancouver
photo_camera O Supervised Injection Site (Insite) de Vancouver, un centro onde os consumidores poden inxectar a droga baixo supervisión médica (Insite / Facebook)

O Concello de Vancouver, cidade na costa do Pacífico do Canadá, aprobou por unanimidade despenalizar a "posesión menor" de drogas ilícitas, como forma de abordar a alta cifra de sobredoses dos últimos anos. A medida debe contar, porén, co apoio do Goberno do Estado.

O alcalde, Kennedy Stewart, defendeu un uso destas substancias enfocado a cuestións de saúde, tras a crise sanitaria decretada na provincia da Columbia Británica en 2016 debido ao alto número de sobredoses, que só en outubro de 2020 deixou 162 persoas falecidas.

Este ano "vai camiño de se converter no peor" dos últimos cinco en canto a número de sobredoses, polo que "se necesita urxentemente un enfoque novo", sinalou Stewart. 

Desde que se declarou a urxencia provincial, rexistráronse na cidade unhas 1.500 mortes, 329 no que vai deste 2020, liderando a clasificación provincial. 

Insite

Xa en 2003, o Goberno provincial lanzou unha iniciativa pioneira, abrindo un Supervised Injection Site (Insite). Isto é, un centro onde os consumidores poden inxectar a droga baixo supervisión médica.

Agora, a nova proposta para despenalizar a posesión de pequenas doses de drogas como a metanfetamina ou a heroína, necesitará contar coa aprobación do Goberno de Ottawa, que en principio non porá as cousas fáciles. En setembro, o primeiro ministro, Justin Trudeau, xa se mostrara remiso a aprobar unha medida deste tipo, asegurando que "unha crise destas características" non ten solucións baseadas "nunha fórmula máxica".

En 2020, 70% de todas as mortes por sobredoses de drogas ilícitas no Canadá corresponderon a persoas entre 30 e 59 anos. Os homes representaron 80% de todos eses falecementos.

Comentarios