Vahe Manukyan, armenio na Galiza: "Abandonar Armenia deixaría aberto o camiño para os que se rexen por valores medievais"

O armenio Vahe Manukyan vive na Coruña desde hai máis de vinte anos.(Nós Diario)
photo_camera O armenio Vahe Manukyan vive na Coruña desde hai máis de vinte anos.(Nós Diario)

Vahe Manukyan chegou de Armenia até A Coruña coa súa familia hai máis de 20 anos. O seu exilio estivo motivado pola anterior crise do conflito territorial entre Azerbaixán e Armenia, que persiste desde hai máis de 30 anos, polo control do territorio do Alto Karabakh. Desde o mes de xullo voltaron os enfrontamentos cando as forzas azeríes atacaron as tropas da República de Artsakh e a propia poboación civil. A comunidade armenia galega denuncia esta situación e pide que a Unión Europea interveña. 

Como vive a comunidade armenia na Galiza a situación en Nagorno-Karabakh?

Con preocupación. Tentamos visibilizar o que está acontecendo alí. Falamos con todos os partidos políticos sen excepción para que se conciencien da situación. Explicamos que temos que mobilizarnos para defender unha forma de vida froito de séculos de historia. Abandonalo todo sería voltar á Idade Media. Tentamos parar a guerra para que a xente de Nagorno-Karabakh, as nosas familias e as nosas amizades, poidan vivir no seu país en paz.

Creo que desde aquí podemos evitalo de maneira política. O que máis nos preocupa é a falta de coñecemento do que acontece en Armenia. A comunidade armenia na Galiza non entende como é posíbel que se estea atacando un país que está no Consello de Europa, con milleiros de xihadistas en chan europeo facendo barbaridades, cortando cabezas, facendo unha limpeza étnica na zona, e que non se fale nos medios de comunicación.

Cal é a situación agora mesmo alí?

A situación actual é que todo o país está mobilizado para ir á guerra. Non se deu semellante situación desde a II Guerra Mundial. Armenia é un país que sufriu moito. Está nun contorno diferente, nin peor nin mellor, distinto mais coa vontade de existir. Non queremos outra cousa. Iso levounos ao odio dunha parte dos nosos veciños coa intención de exterminarnos.

Nos inicios do século pasado houbo un xenocidio silenciado que aínda hoxe temos que demostrar que existiu. O Estado español, por exemplo, non o recoñece. E agora está acontecendo o mesmo. Unha parte da poboación armenia será aniquilada se o exército e a poboación non aguanta.

Nalgunhas zonas da fronte de guerra a diferenza é de 12 contra 1. Loitamos contra mercenarios paquistanís, afgáns, sirios e tamén contra a aviación turca. Mentres, o Estado español financia a Turquía. É incríbel que cando nós culturalmente somos países afíns esteamos abandonados e o apoio sexa para os mesmos que logo atentan en Europa.  

Os combates que hai agora mesmo en Armenia son de quinta xeración. É unha guerra híbrida. Chegou mesmo a Francia onde se chamou a cazar armenios, como fixeron en Rusia hai algúns meses. Non é unha guerra de armenios e turcos, é a dunha maneira de ser contra outra moi diferente. Armenia é un dique que protexe Europa do xihadismo.

Como explica a postura do Estado español?  

Son incapaz de entendelo cando temos o apoio da xente. Pode ser por ignorancia. Falamos de que os norteamericanos son ignorantes e está pasando aquí, en Europa. Agora mesmo hai máis de 10.000 mortes e non se fala delas.

En Armenia pódese reverter a situación. Caso contrario, será a segunda caída de Constantinopla. Consideramos Europa como a nosa terra común e necesitamos o seu apoio. Estamos elixindo un interlocutor equivocado co mundo musulmán. O renacemento do imperio otomano na súa forma panturquista non representa o mundo musulmán. É un extremismo radical racista.

Cal sería a solución a este conflito?

Recoñecer o dereito do pobo de Artsaj de vivir. Isto é incompatíbel a estar baixo dominio turco. A solución é a firmeza de Europa na defensa dos seus valores. Abandonar Armenia sería deixar aberto o camiño para aqueles que se rexen por valores medievais.

Comentarios