A vacinación na UE obvia a doenza mental

Só catro países membros dan prioridade a estes enfermos nos seus plans estatais de inoculación contra a Covid.
coronavirus_mental
photo_camera Estudos recentes mostran que as persoas cunha doenza psiquiátrica teñen 65% máis de posibilidades de contaxiarse co SARS-CoV-2 (Foto: ONU)

Estudos recentes mostran que as persoas cunha doenza psiquiátrica teñen 65% máis de posibilidades de contaxiarse co novo coronavirus. Adicionalmente, as posibilidades de morreren pola Covid-19 son entre 1,5 e 2 veces máis que as dos que non padecen este tipo de enfermidades. 

Malia estes datos, a estratexia de vacinación na UE a respecto destas persoas fica a criterio de cada un dos Estados membros. Bruxelas aconsella que se dea prioridade aos cidadáns con problemas de saúde que os fagan ser máis vulnerábel ao virus. Porén, trátase dunha recomendación xenérica, e son os Gobernos quen deciden cales son estas doenzas. 

Unha investigación publicada pola revista médica Lancet Psychiatry onde se analizan 20 Estados da contorna comunitaria recolle que tan só Alemaña, Dinamarca, Países Baixos e Reino Unido recoñecen as doenzas mentais severas (desordes psicóticos, bipolares, depresivos graves, entre outros) como de alto risco, e estabeleceron medidas específicas para estas persoas seren vacinadas canto antes.

Nun segundo grupo de catro Estados están España, Letonia, Romanía e Suecia, onde se dá prioridade na inoculación a pacientes ambulatorios con algún tipo de discapacidade, que ─sinala o estudo─ "inclúe posibelmente enfermidades mentais severas".

Doenzas prioritarias

O informe clasifica as doenzas que cada un dos 20 Estados analizados ten en conta para dar prioridade á vacinación, nun "Nivel 1" ou nun "Nivel 2". As enfermidades mentais son de Nivel 1 en Alemaña, Dinamarca e Países Baixos, e de Nivel 2 no Reino Unido. No resto non están contempladas.

Algunhas das principais doenzas para estabelecer a prioridade na vacinación son a diabetes (de Nivel 1 en todos os Estados con datos, agás en Portugal e no Reino Unido, que é de Nivel 2); as enfermidades crónicas de ril (Nivel 1 en todos); as crónicas de fígado (só Nivel 2 en Finlandia, Letonia e Noruega, Nivel 1 no resto); as crónicas de pulmón (só Nivel 2 en Letonia e Noruega); ou as situacións que comprometen o sistema inmunolóxico, como a ausencia de bazo (só Nivel 2 en Alemaña e Letonia). Tamén as persoas que recentemente recibiron un transplante son grupo prioritario na maioría dos países da UE e no Reino Unido.

Ao igual que acontece coas doenzas mentais, tampouco as persoas con enfermidades autoinmunes están contempladas na maioría dos plans de vacinación. Só Bélxica, Países Baixos e Romanía (Nivel 1) e Alemaña e Noruega (Nivel 2) as recoñecen como de alto risco e polo tanto quen as padecen son prioritarias á hora de seren inoculadas contra a Covid-19.

Si que teñen especial consideración na maioría dos países as persoas con síndrome de Down. Un estudo da Sociedade Española de Medicina Preventiva sinala que teñen un factor de risco similar ao dos maiores de 70 anos.

A investigación foi levada a cabo en colaboración coas principais organizacións clínicas e de pacientes de saúde mental dos 20 Estados analizados (todos os da UE, agás Austria, Bulgaria, Croacia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Lituania e Luxemburgo; e con Noruega, Reino Unido e Turquía, a maiores).

En calquera caso, as estratexias de vacinación nos 31 Estados da UE e da Área Económica Europea e Reino Unido coinciden ─segundo identificou o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades nun informe en decembro─ en priorizar as persoas de máis idade e os profesionais sanitarios, seguidos polos que contan con enfermidades previas (sen identificar que doenzas). 

Comentarios