A vacina de Sinovac contra a Covid-19 queda limitada para casos de "emerxencia"

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de aprobar o uso deste fármaco, mais só nos casos de maior necesidade porque hai que facer un seguimento especial ao faltar datos concretos sobre o efecto nos grupos de persoas de maior idade.
Unha persoa é tratada con Sinovac en Malasia. (Foto: Abdullah Mohd Yusof / BERNAMA / dpa) #vacina #sinovac #vacinación #tratamento #urxencia #oms #malasia #coronavirus #covid19
photo_camera Unha persoa é tratada con Sinovac en Malasia. (Foto: Abdullah Mohd Yusof / BERNAMA / dpa)

A comunidade internacional xa conta cunha nova vacina para enfrontarse á Covid-19: o fármaco bautizado como Sinovac-CoronaVac. Así o comunicou esta terza feira a Organización Mundial da Saúde (OMS), que deu por válido o medicamento "para o seu uso de emerxencia". Malia esta apreciación, a institución afirma que se adapta ás normas de seguridade, fabricación e eficacia.

"O mundo precisa desesperadamente múltiples vacinas para facer fronte á enorme desigualdade de acceso en todo o planeta. Instamos aos fabricantes a participar no Mecanismo COVAX, a compartir os seus coñecementos e datos e a contribuír a controlar a pandemia", destacou a subdirectora xeral da OMS para o Acceso aos Produtos Sanitarios, Mariângela Simão, ao tempo que daba o visto e prace á Sinovac.

Sobre este novo antídoto, explicou que "os seus requisitos de fácil almacenamento fana moi manexábel e especialmente axeitada para zonas de baixos recursos". No entanto, a recomendación é tratar con el ás persoas maiores de 18 anos. A pauta sería de dúas doses cun tempo intermedio de dúas a catro semanas.

Os estudos da OMS indican que o medicamento amosou a súa eficacia para prever a sintomatoloxía no 51% dos individuos inoculados e, aliás, evitou o coronavirus máis grave e a hospitalización no 100% da poboación tratada á que se fixo seguimento.

Porén, nos ensaios clínicos desta fórmula participaron poucos adultos de máis de 60 anos, polo que non está comprobada totalmente a eficacia neste grupo de idade. "É probábel que a vacina teña un efecto protector nas persoas maiores", subliñou Simão.

"Non hai motivos para crer que a vacina teña un perfil de seguridade diferente en poboacións de máis idade e máis nova", reflexionou, pedindo aos estados que empreguen Sinovac que fagan un estudo dos efectos.

Con esta última aprobación, a OMS xa permitiu o avance de oito remedios para combater o virus: Pfizer, AstraZeneca-Sk Bio, Serum Institute of India, AstraZeneca EU, Janssen, Moderna e Sinopharm.

Comentarios