As vacacións na UE, de dereito a luxo

Máis dunha cuarta parte dos 450 millóns de cidadáns da UE nunca marcha de vacacións por razóns económicas. Entre estes hai pensionistas e desempregados; e tamén 35 millóns de traballadores cun salario tan baixo que o fai inviábel. Tan baixo que os sitúa en situación de risco de pobreza en 16 dos 27 Estados membros.
photo_camera 35 millóns de europeos teñen recoñecido o dereito a vacacións remuneradas, mais o baixo dos seus salarios impídelles saír de viaxe (Foto: Tatiana El-Bakri / CC)

Arredor de 28% dos cidadáns da UE non se pode permitir unha semana de vacacións fóra da casa. Entre estes están os traballadores con ingresos baixos que malia os avances dos últimos anos continúan a ver este dereito como unha quimera. Cal é a razón? Para a Confederación de Sindicatos Europeos (ETUC, nas siglas en inglés) está relacionado coa crecente desigualdade económica no bloque comunitario que, obviamente, se traslada á cuestión vacacional.

Os datos aos que fai referencia a ETUC extráense da enquisa sobre ingresos e condicións de vida (EU-SILC) que realiza anualmente Eurostat. A confederación sindical aclara que a sondaxe só pregunta pola "posibilidade de permitirse unhas vacacións fóra da casa", non polo dereito a vacacións pagas. A Directiva de Tempo de Traballo ─a norma introducida pola Comisión Europea en 1993 co fin de salvagardar os dereitos dos traballadores─ estabelece un mínimo de catro semanas de asueto remunerado anualmente. Porén, son aínda moitos os asalariados aos que se lles denega esta prerrogativa.

Traballadores con este dereito recoñecido, mais cuns ingresos tan baixos que non poden marchar nin unha semana ao ano fóra do seu domicilio. Disto é que trata a enquisa, que para a vicesecretaria xeral da ETUC, Esther Lynch, reflicte "como os beneficios do crecemento económico da última década en Europa non foron repartidos de maneira xusta".

Por Estados, a peor situación rexístrase en Grecia onde 88,9% das persoas en risco de pobreza (as que teñen ingresos familiares inferiores a 60% da mediana estatal) non se poden permitir un respiro. Séguena Romanía (86,8%), Croacia (84,7%), Chipre (79,2%) e Eslovaquia (76,1%). 

Son 35 millóns de cidadáns europeos en total, con Italia (7 millóns), España (4,7 millóns), Alemaña (4,3 millóns), Francia (3,6 millóns) e Polonia (2,1 millóns) liderando esta estatística.

"As vacacións non deberían ser un luxo duns poucos. Mentres moitos traballadores están de viaxe gozando do tempo de lecer con amigos e familia, millóns non o poden aproveitar debido a teren un salario baixo", di Lynch.

"Limiar de decencia"

Entre as persoas con ingresos familiares inferiores a 60% da mediana estatal están os desempregados ou os pensionistas, mais tamén millóns de traballadores co salario mínimo interprofesional. Unha cifra tan baixa que lles supón entrar en risco de pobreza en 16 dos 27 Estados da UE, segundo datos oficiais da Comisión Europea de 2019. Isto é, un quinto (21,9%) dos 450 millóns de habitantes comunitarios.

A ETUC está a presionar os europarlamentarios para que sexa introducido un "limiar de decencia" na lexislación comunitaria co fin de asegurar que o salario mínimo nunca sexa menor a 60% da mediana estatal e a 50% do salario medio. Isto significaría, segundo cálculos da Confederación sindical, unha suba dos soldos a máis de 24 millóns de traballadores da UE.

Para Esther Lynch, a "directiva da UE para un salario mínimo ten que ser fortalecida co obxectivo de fixar que os salarios nunca sexan tan baixos que deixen os traballadores vivindo na pobreza; e que a negociación colectiva se faga algo habitual nas relacións laborais para asegurar salarios xustos de verdade para todos". 

Salarios para vivir, e non só sobrevivir, sexa en Bulgaria sexa en Luxemburgo

Dos 2.202 euros de Luxemburgo aos 332 de Bulgaria (mensuais, en 12 pagas). As diferenzas no salario mínimo dentro da UE son abismais. Tras o pequeno país centroeuropeo veñen Irlanda (1.724), Países Baixos (1.685), Bélxica (1.626 euros), Alemaña (1.614) e Francia (1.555). En Grecia (758) é menor que hai nove anos.

Dos 27 Estados da UE, 21 téñeno estabelecido legalmente. Nos outros seis ─Austria, Chipre, Dinamarca, Finlandia, Italia e Suecia─, os salarios veñen determinados polos convenios colectivos.

A directiva proposta pola Comisión Europea, do 28 de outubro de 2020, busca que calquera cidadán da UE ─viva en Luxemburgo, viva en Bulgaria─ ten un salario digno para vivir. É o "limiar de decencia" que varios economistas defenden. Mais Dinamarca e Suecia rexéitana e defenden o seu sistema.

Comentarios