De vacacións na UE co virus na maleta

Os Estados membros da Unión Europea traballan en diversas medidas para que a campaña turística do verán se vexa o menos afectada posíbel pola pandemia. De momento, todo apunta a que as viaxes desde fóra do espazo comunitario non serán posíbeis, mais dependerá de como evolucione a crise sanitaria.
2020050714583419701
photo_camera Turistas na localidade italiana de Marina del Cantone, na rexión da Campania. Italia é un dos Estados da UE que máis dependen do turismo (Polaris)

Con metade da poboación mundial en corentena, o impacto do coronavirus na industria turística é obvio. Segundo a web FlightRadar 24, o número de voos reduciuse 41%, e a Organización Mundial do Turismo afirma que 96% dos destinos a nivel global están sometidos a restricións ás viaxes. 

Nesta situación, a UE prepárase para afrontar a tempada de verán con diferentes niveis de optimismo e cautela: coa posibilidade dunha segunda vaga de contaxios presente (a OMS volveuno advertir esta semana), mais coa dependencia do sector turístico para a economía, especialmente nos Estados do sur do continente.  

Por agora parece complicado que se permitan voos procedentes de fóra do Espazo  Schengen. O 15 de maio expira a prohibición ás viaxes non esenciais, vixente desde o 18 de marzo, mais segundo fontes das autoridades comunitarias citadas polo Washington Post, é "altamente probábel" que se anove polo menos por un mes máis.

Diferenza franco-xermana

Ademais, son varios os países que contemplan a posibilidade de estabelecer corentenas de 14 días para persoas chegadas de fóra. Francia finalmente non a imporá á cidadanía comunitaria, tras anunciala inicialmente para todo o mundo.  

"É cedo de máis para dicir se poderemos ter vacacións" este verán, "saberémolo a inicios de xuño", sinalou o presidente Emmanuel Macron, nunha entrevista na terza feira en TF1. "Limitaremos os grandes desprazamentos internacionais, mesmo durante as vacacións de verán. Quedarémonos entre europeos e dependendo de como evolucione a epidemia, poderiamos ter que reducir iso un pouco máis", engadiu .

No mesmo sentido pronunciouse o secretario de Estado de Turismo, Jean-Baptiste Lemoine. "A tempada estival non será como as outras", dixo. "O turismo só se poderá retomar de forma moi concentrada nun primeiro momento, cunha clientela de ultra proximidade", apuntou.

Máis optimistas son en Alemaña. "Agardo que, dadas as boas cifras [de infeccións], poidamos ser capaces de relaxar as restricións nas próximas catro a oito semanas", afirmou o ministro de Turismo, Thomas Bareiss, en Der Tagesspiegel tamén na terza feira. "Eu non desbotaría aínda outras rexións en Europa, como as illas Baleares ou as illas gregas", engadiu. Ademais, Alemaña e Austria planean estabelecer un corredor turístico de libre circulación.

Fronteira ibérica

Unha opción barallada en Portugal, onde se estuda non só a apertura do país por vía aérea senón tamén da fronteira que o separa do resto da península Ibérica. 

Con todo, esta última posibilidade dependerá da evolución da crise sanitaria ao outro lado da raia. Nesta semana, o ministro da Administración Interna, Eduardo Cabrita, afirmou en comisión parlamentaria que o control das fronteiras terrestres se prolongará "para lá de 14 de maio", e precisou que "não antecipo nenhuma data" e que será "dependente do sucesso" de Portugal e de España na loita contra a COVID-19.

A economía portuguesa, ao igual que a española, depende en gran medida do turismo. Os arquipélagos dos Açores e da Madeira, así como a rexión meridional do Algarve, están entre os principais destinos turísticos para alemáns, británicos, franceses e españois. Acumulan, ademais, menos de 5% dos casos de coronavirus.

O turismo, segundo o Instituto Nacional de Estatística, supuxo 8,7% do PIB en 2019. Por iso as mensaxes desde o Goberno teñen un ton positivo. "Não querendo correr o risco de ser otimista, diria que talvez esperem mais umas semanas, mas não deixem de pensar nas férias de verão", sinalaba o primeiro ministro portugués no pasado 14 de abril nunha entrevista ao dixital Observador.

50% do billete a Sicilia

Tamén é vital o sector turístico en Italia, onde achega 13% do PIB, 15% do emprego e 17.000 millóns de euros de contribución á balanza comercial, segundo o Banco de Italia. Entre marzo e maio perdeu 30 millóns de turistas italianos e estranxeiros. A súa importancia económica é proporcional á presión que sofre o Goberno.

"Levaranos un ou dous anos regresar onde estabamos", declarou a secretaria de Turismo, Lorenza Bonaccorsi, que no entanto asegurou que están a traballar para "garantir que podamos ir á praia este verán". Entre as medidas que se contemplan está, por exemplo, a instalación de cubículos de metacrilato transparente nos areais. 

Tamén xorden iniciativas a nivel local. O director de Turismo do Goberno rexional de Sicilia, Manlio Messina, anunciou esta semana no programa de TV Mattino Cinque que ofrecerán descontos de até a metade do billete de avión e un terzo da estancia a todos os que viaxen á illa. 

Porén, será a evolución da pandemia a que marque os tempos e os espazos vacacionais este verán.

Comentarios