Exixen a Biden fechar Guantánamo no 20 aniversario da apertura do cárcere

Amnistía Internacional lembra que aínda seguen recluídos nesta prisión 39 presos musulmáns, o que supón "unha flagrante perpetuación da islamofobia e o racismo".
Un home manifestándose en Berlín polo fechamento do cárcere, o pasado sábado (Foto: Joerg Carstensen/DPA).
photo_camera Un home manifestándose en Berlín polo fechamento do cárcere, o pasado sábado (Foto: Joerg Carstensen/DPA).

O cárcere militar da bahía de Guantánamo, na illa de Cuba, iniciou a súa actividade o 11 de xaneiro de 2002, cando as tropas estadounidenses internaron os primeiros presos. Agora, dúas décadas despois, esta prisión segue a estar no centro da polémica.

Segundo informa Amnistía Internacional, aínda están recluídos neste edificio 39 persoas, todas elas de relixión musulmá, algo que para o colectvio supón unha "flagrante perpetuación da islamofobia e o racismo", xa que "ningún dos homes alí detidos recibiu un xuízo xusto". Hai 27 presos que foron condenados sen que se tivesen presentado cargos contra eles.

"Seguen recluídos de forma indefinida no que constitúe unha violación do debido proceso legal e outras normas de dereitos humanos recoñecidas internacionalmente", engade.

Daphne Eviatar, directora do programa de seguridade con dereitos humanos de Amnistía nos EUA, cre que este aniversario "non debería terse alcanzado". Desde o Goberno de George W. Bush, lembra, "houbo un acordo entre persoas expertas en seguridade nacional e de todo o espectro político a respecto do fechamento da prisión".

"O presidente Biden debe cumprir o seu compromiso de fechar Guantánamo dunha vez por todas. Canto máis tempo permaneza en uso, máis seguirá a socavar a credibilidade global dos EUA en materia de dereitos humanos", asegurou.

Tamén a ONG Human Rights Watch (HRW) denunciou o domingo os "custos humanos, morais e económicos" da prisión estadounidense. "Guantánamo segue a ser un dos símbolos máis duradeiros da inxustiza, os abusos e o desprezo polo Estado de dereito que os EUA despregaron en resposta aos ataques do 11-S", explica Letta Tayler, directora adxunta da organización para crises e conflitos, e coautora dun informe que estuda os custos vencellados ao polémico cárcere.

A liberación dos presos, sostén a directora do proxecto de seguridade nacional da Unión Americana polas Liberdades Civís, Hina Shamsi, sería unha decisión doada para o Executivo estadounidense: "Con ordes xudiciais de transferencia non sería preciso que houbese notificacións do Congreso", defendeu, en declaracións ao diario The Guardian.

Comentarios