O Uruguai despídese de Tabaré Vázquez, primeiro presidente de esquerdas do país

O ex mandatario era neto, por parte de pai, de ourensán e compostelá.
TabareVazquez
photo_camera Imaxe de Tabaré Vázquez facilitada pola Presidencia do Uruguai. (Foto: Presidencia do Uruguai)

Galiza, "esta terra que é a miña", manifestaba en 2016, nunha visita ao noso país, o daquela presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez, que na madrugada do domingo faleceu aos 80 anos tras lle ser detectado en agosto de 2019, cando aínda era presidente, un cáncer de pulmón. 

O Goberno decretou tres días de duelo nacional. Hoxe miles de persoas saíron ás rúas de Montevideo para aplaudir e lanzar flores ao paso do vehículo que contiña o féretro cos restos mortais de Vázquez, cuberto pola bandeira uruguaia.

Nacido o 17 de xaneiro de 1940 no barrio obreiro de La Teja, na capital, foi o cuarto dos cinco fillos do matrimonio de Héctor Vázquez, dirixente da petroleira estatal Ancap, e de Elena Rosas. Os seus avós paternos, José Vázquez e Dolores Edreira, eran de Ourense e de Compostela, respectivamente. Héctor Vázquez, anarquista, foi despedido e estivo preso por un conflito sindical en 1951.

Tabaré Vázquez converteuse no primeiro mandatario de esquerdas na historia do Uruguai ao gañar as eleccións como candidato da Fronte Ampla. Ocupou a xefatura do Estado durante dous mandatos non consecutivos: de 2005 a 2010 e de 2015 a 2020.

O pasado 1 de marzo, tras finalizar o seu segundo período como presidente, entregou a banda presidencial a Luis Lacalle Pou, do Partido Nacional (de centrodereita), con quen viaxara á Arxentina meses antes para a toma de posesión de Alberto Fernández nun xesto de estabilidade institucional, malia ás diferenzas ideolóxicas.

Pesar entre líderes

Os distintos lideres latinoamericanos expresaron o seu pesar e condolencias polo falecemento do ex mandatario. "Foise un compañeiro fillo dos traballadores que fixo o seu porvir, a súa carreira, mais xamais puido desprenderse do que era o seu compromiso social", sinalou o que foi o seu sucesor no cargo en 2010, José Mújica, tamén da Fronte Ampla.

O ex presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, recordou que os dous estiveron á fronte dos seus respectivos países ao mesmo tempo. "Hoxe perdín un amigo querido, meu e do Brasil. A miña solidariedade e sentimentos aos familiares, amigos e ao pobo uruguaio", afirmou Lula nun comunicado xunto a unha foto en que ambos os dous aparecen estreitándose as mans nun balcón con vistas ao Río da Prata.

Durante o seu Goberno, Tabaré Vázquez puxo en marcha políticas sociais que lograron reducir a pobreza e o analfabetismo. Por exemplo, o plan Ceibal, polo que o todo o alumnado das escolas públicas recibiu un ordenador portátil. 

Comentarios