O Lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, solicitou esta sexta feira, 23 de outubro, a Pedro Sánchez a declaración do estado de alarma en todo o Estado español para restrinxir a mobilidade, e que en Euskadi o mando estea na Lehendakaritza.
A intención de Urkullu é "actuar coa maior celeridade e dilixencia posíbel para tentar preservar a saúde de toda a cidadanía e limitar a transmisión comunitaria do coronavirus".
Segundo informou o Executivo vasco, o Lehendakari falou con Sánchez e trasladoulle a súa decisión de solicitar a declaración do estado de alarma, despois de que na quinta feira Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSXPV) non autorizase a limitación a seis persoas dos encontros sociais en lugares públicos e privados, ao considerar que vulnera dereitos fundamentais e non ten cobertura legal.
"Constatamos os límites competenciais que temos", dixo Urkullu, e após sinalar que "hai que dar unha resposta adecuada á evolución da pandemia", considerou preciso dispor dun estado de alarma e ferramentas xurídicas que dean apoio ás novas limitacións "máis intensas" que prevé para seguintes semanas.