Urkullu pedirá o achegamento de 210 persoas presas a Euskadi

O Goberno vasco trasladará ao Executivo de coalición do Estado español unha proposta actualizada para achegar as 210 persoas presas por pertenza a ETA a catro cárceres de Euskal Herria e tres de zonas próximas (Cantabria, Logroño e Burgos). 
 
O lehendakari Iñigo Urkullu (Imaxe Europa Press)
photo_camera O lehendakari Iñigo Urkullu (Imaxe Europa Press)

O Executivo de Iñigo Urkullu apresentará ao Goberno español unha proposta para achegar as 210 presas e presos de ETA a catro cárceres de Euskal Herria e a tres que se atopan en zonas próximas (Cantabria, Logroño e Burgos). 

Así o anunciou onte o secretario xeral de Dereitos Humanos, Convivencia e Cooperación do Goberno vasco, Jonan Fernández, sob o obxectivo de comezar desde estas cadeas "un proceso de reinserción". Fernández cualificou esta proposta de "cambio de concepto" xa que, segundo argumentou, até o de agora o achegamento era unha consecuencia dun percorrido legal das propias persoas presas, e agora, o que se trata, e de achegalas todas para facilitar a reinserción. 

Nese sentido, o secretario xeral afirmou na cadea pública vasca de televisión ETB que "o concepto debe ser que, para comezar o proceso de reinserción, deben estar perto", e defendeu a proposta como unha cuestión de dereitos humanos. 

Raxoi desatendeu a reclamación de Urkullu

Tamén baixo a presidencia do lehendakari Iñigo Urkullu apresentou o Goberno vasco un plan para o achegamento de presas e presos vascos a cárceres distantes a Euskadi, pero máis achegadas do que se atopan hoxe. Porén, a proposta foi ignorada polo Executivo español, daquela rexido por Mariano Raxoi. 

Pola súa banda, Pedro Sánchez puxera enriba da mesa esta cuestión cando comezou na Presidencia após a moción de censura. Con todo, os pasos que comezara a dar interrompéronse escudándose na situación en funcións do Executivo central na que se atopou desde os últimos oito meses até que en xaneiro de 2019 se levou a cabo a investidura no Congreso dos Deputados. Foi nesa sesión precisamente cando esta cuestión foi posta sobre a tribuna polas e polos representantes de PNV e de EH Bildu na Cámara Baixa
 

Comentarios