Urkullu non logra consenso sobre o calendario electoral

O lehendakari presenta dous plans para realizar as eleccións. 
Urkullu
photo_camera Iñigo Urkullu na reunión cos partidos na Lehendakaritza (Imaxe: Arrazola / Mikel Arrazola)

Os partidos vascos acudiron na quinta feira, 30 de abril, á chamada do lehendakari Iñigo Urkullu (PNV) para estudar cando realizar as eleccións en Euskadi, as cales estaban previstas para o pasado 5 de abril e que, ao igual que na Galiza, foron pospostas por mor da pandemia. 

O Goberno vasco entregou ás formacións políticas varios informes técnicos e outro xurídico, en base aos cales formulou dous posíbeis escenarios electorais. 

A opción 'A' é a que xa propuxo Urkullu e prevé pór as urnas en xullo. O lehendakari informou que a previsión, desde o punto de vista sanitario, indica que, nestes momentos, Euskadi atravesa unha fase de "estabilización e de descenso do risco de contaxios". "Os  meses de verán, entre o 21 de xuño e o 21 de  setembro, poderían ser os de menor nivel de contaxio".

A opción 'B' prevé as urnas para setembro ou outubro. O lehendakari dixo sobre esta opción que as expertas sanitarias sinalan que a partir da chegada do outono, o 21 de setembro, existirá un risco de rebrote da COVID-19 que, ademais, podería complicarse coa gripe estacional. Urkullu puxo ademais sobre a mesa a certeza de que non se contará para o outono cunha vacina. 
Os partidos ficaron convocados a estudar os informes e volver a reunirse o vindeiro 14 de maio. 

A oposición non o ve claro

"Non fan falla urnas, o que precisamos son tests e medidas que rescaten as persoas e as familias", dixo o líder de Euskal Herria Bildu, Arnaldo Otegi, ao saír da reunión de partidos. "O que toca agora é facer a desescalada con rigor e non centrarse en eleccións", as cales, dixo, "han de realizarse con total seguridade sanitaria" e cos dereitos democráticos restituídos. Nese sentido, Otegi coincidiu co lehendakari en reclamar que sexan os Gobernos de Euskadi e de Nafarroa os que xestionen a desescalada e en pór fin á recentralización actual.

"Non tocan eleccións", dixo tamén Isabel Salud, de Elkarrekin Podemos, que puxo como prioridade a loita contra o virus.

Idoia Mendia, líder do PSE-EE, que partilla Goberno co PNV, recordou que a convocatoria electoral é competencia "exclusiva" do lehendakari e pediu que a decisión conte con todas as garantías sanitarias e de participación.  

O PP amosouse disposto a que as eleccións sexan en xullo, mais pediu flexibilidade ante a posibilidade de que finalmente non se poidan realizar nesa data. 

Comentarios