Urkullu asegura que está listo para pór "Euskadi en pé" no seu terceiro mandato

O PNV cumpre o obxectivo da súa campaña, con tres escanos máis, e EH-Bildu acurta distancias co partido que gobernará cun total de 22 escanos nestes comicios. PSE, Elkarrekin Podemos-IU ou PP achacan os seus malos resultados á abstención electoral.
Iñigo Urkullu e Andoni Ortuzar no exterior de Sabin Etxean de Bilbao tras gañar o PNV os comicios de xullo de 2020 (Imaxe: Marisol Ramirez Argazki Press)
photo_camera Iñigo Urkullu e Andoni Ortuzar no exterior de Sabin Etxean de Bilbao tras gañar o PNV os comicios de xullo de 2020 (Imaxe: Marisol Ramirez Argazki Press)

Cantando. Así rematou a súa comparecencia o candidato do PNV a lehendakari e vencedor dos comicios vascos, Íñigo Urkullu. Este domingo, tras coñecerse o resultado da súa formación nas urnas, asegurou que se porá “mans á obra” de inmediato para superar a crise, ofrecer “certezas” e dialogar coa vontade de chegar a acordos” que unan e poñan “de novo, a Euskadi en pé”.

O electorado vasco premiou a xestión do PNV concedéndolle até tres escanos máis, mentres que a EH-Bildu achegoulle catro deputados e deputados máis, o mellor resultado da súa historia. En tanto, Elkarrekin Podemos-IU e a coalición de Partido Popular e Ciudadanos perderon escanos e papeletas. Os seus representantes, e máis os do PSE, achacaron os resultados á abstención máis alta desde o inicio da democracia. Por primeira vez, a formación ultranacionalista Vox estará presente no Parlamento de Vitoria, cunha deputada.

O PNV alcanza o seu obxectivo electoral

Urkullu dirixiuse a militantes e simpatizantes da formación nun escenario no exterior da sede de Sabin Etxea de Bilbao, onde celebrou os 349.429 votos 31 escanos do PNV. Entre aplausos e berros de “ari, ari, ari, Urkullu Lehendakari”, o cabeza de lista do PNV por Araba destacou que os comicios foron “diferentes, inéditos, difíciles” e agradeceu a participación da cidadanía.

Tras recoñecer as ocasións nas que puidese cometer erros, Urkullu asegurou que sempre actuou “ofrecendo o mellor ao servizo da sociedade vasca” e comprometeuse a seguir facéndoo así. “Agardo que podamos reiniciar un camiño de diálogo e colaboración construtiva”, indicou.

Na reconstrución do país logo da crise, o candidato do PNV asegurou que serán precisas “todas as mans” pois o obxectivo “é claro, atender a quen peor o están pasando e saír da situación sen deixar na ninguén atrás”. “A sociedade falou e amosou a súa confianza no PNV, agora, mas á obra”, declarou.

EH-Bildu celebra o seu máximo histórico

A candidata de EH Bildu, Maddalen Iriarte, amosouse moi satisfeita cos 22 escanos atinxidos pola coalición e destacou que “é o comezo dun cambio que vai ser moi importante en Euskal Herria”. Desde a súa sede de San Sebastián, no barrio de Igara, Iriarte estivo acompañada polo coordinador xeral da formación, Arnaldo Otegi, ou o secretario xeral de Sortu, Arkaitz Rodríguez, entre outros.

Con 22 escanos e 247.552 votos máis, EH-Bildu vén de rubricar os mellores resultados da súa historia. “Moi contenta”, Iriarte destacou o “moi bo resultado” das e dos abertzales nunha cita na que tamén descatou a baixa participación. “Cada vez hai máis xente próxima aos valores que defende EH-Bildu”, subliñou, “o cambio está comezando”.

“EH-Bildu tende a man para que este país poida erguerse canto antes e reconstruírse”, afirmou Iriarte, amosando a súa “solidariedade” con todas as persoas enfermas e confinadas e mais coas familiares de falecidos e falecidas na crise do coronavirus.

PSE urxe ao PNV formar Goberno

A candidata socialista, Idoia Mendia declarou o seu agradecemento a quen confía “que imos ser capaces de novo de estar a altura do momento histórico que vivimos”. Mendia asegurou que os socialistas traballarán para “reconstruír económica e socialmente Euskadi”.  

“Teríanos gustado obter unha forza maior que a obtida”, admitiu Mendia, quen celebrou a vitoria dunha “esquerda non nacionalista”.  Nestes comicios, o PSE non foi quen de atraer os e as votantes de Elkarrekin Podemos-IU. O partido aspiraba aos 12 escanos, mais ficou en 10 e con 121.869 papeletas. Idoia Mendia achacou os resultados á baixa participación.

A candidata socialista pediu ao PNV, ao que “corresponde tomar a iniciativa” tras gañar os comicios, que “facilite coa máxima celeridade a posta en marcha do reloxo institucional vasco” porque Euskadi “precisa arrancar”.

“Lamentamos que sexa a máis baixa, especialmente nun momento tan difícil”, valorou Mendia, que asegurou que en calquera caso o parlamento “terá plena lexitimidade”. “Os socialistas non poremos escusas”, engadiu.

Elkarrekin Podemos recoñece a súa caída

A coalición Elkarrekin Podemos-IU recoñeceu os pobres resultados da formación, nas que perdeu 5 dos seus 11 representantes na Cámara de Vitoria e ficou con 71.759 sufraxios. Unha perda que achacan a unha abstención que, din, lles prexudicou “claramente”. A candidata a lehendakari, Miren Gorrotxategi, manifestou que fican catro anos por diante de “intenso, duro” traballo que abordan con “moitísima ilusión”.

Temos un proxecto político e ilusión de sobra para afrontar estes retos e para dar o mellor de nós mesmas no Parlamento, para transformar en iniciativas parlamentarias todo ese proxecto político que propoñiamos como programa de Goberno”, dixo.

A coordinadora xeral de Ezker Anitza-IU, Isabel Salud, lembrou que a súa coalición xa advertira que o 12 de xullo “non era o mellor momento para facer as eleccións”. Apuntou a que desde ambas formacións saben que os resultados son “un chan e que o espazo de cambio” construído até hoxe “vaise manter”.

PP e Ciudadanos acusan ao Goberno vasco da abstención

O candidato a lehendakari polo Partido Popular e Ciudadanos, Carlos Iturgaiz, defendeu a coalición como a “alternativa ao nacionalismo vasco” e a defensora “da Constitución, o Estatuto, las liberdades e a unidade” do Estado español. Ambas formacións suman 60.299 votos e 6,57% dos sufraxios.

En total acadaron 5 escanos, fronte aos 9 logrados polo PP en solitario na pasada cita coas urnas. Da man dos populares, Ciudadanos entrará por primeira vez na Cámara vasca. Os laranxas celebraron o seu asento e lamentaron o avance do nacionalismo en Euskadi.

Iturgaiz compareceu desde Bilbao, culpando ao Goberno vasco da baixa participación electoral. É esa elevada abstención a que, segundo o candidato, favoreceu que “lamentabelmente, na Cámara vasca, catro quintos da súa composición sexan de cor nacionalista e abertzale”. Como o PSE, o PP liga a esa abstención os seus malos resultados.

Comentarios