O lehendakari vasco Iñigo Urkullu pediu esta cuarta feira, 29 de abril, o levantamento do estado de alarma e que a xestión da crise se leve desde a “lexislación ordinaria”.
“O Goberno español, en lugar de avanzar na construción común desde o respecto á pluralidade” está a apostar por un "modelo de Estado provincial que representa un retroceso centralizador e unha anomalía incomprensíbel”, dixo.
Ademais, o portavoz do Goberno vasco Josu Erkoreka, tamén do PNV, anunciou que Urkullu presentará esta quinta feira aos partidos unha análise sanitaria e xurídica para tomar unha decisión sobre a realización das eleccións vascas no mes de xullo.
Erkoreka xa avanzou que, de manterse o estado de alarma, isto non suporía ningún impedimento para ir votar.
As eleccións vascas, como as galegas, foran adiantadas ao 5 de abril, mais a crise desatada pola pandemia de coronavirus obrigou a anular a convocatoria electoral, que até o momento permanece sen data en ambos os dous casos. As últimas citas electorais nos dous territorios coincidiron en data.