Urdangarín ingresa na prisión de mulleres de Brieva, en Ávila

A primeira hora da mañá desta segunda feira, o xenro do rei Juan Carlos I e cuñado do rei Felipe VI ingresou na prisión de Brieva, en Ávila. Iñaki Urdangarín disponse a cumprir condena de cinco anos e dez meses derivada do caso Nóos. A sentenza considera probados os delitos de malversación, prevaricación e fraude á Administración.
 

O Borbón con Urdangarín e a súa filla Cristina
photo_camera Á dereita, Iñaki Urdangarín co rei Juan Carlos I e a infanta Cristina.

O cárcere de Brieva é un cárcere de mulleres que conta con módulo de homes. Ao que parece, este módulo non é usado habitualmente. Urdangarín, de permanecer nese centro penitenciario -decisión de Instituciones Penitenciarias-, non tería compañeiros. A cadea de Brieva atinxiu certa sona porque nela estivo no seu día o ex director xeral da Garda Civil Luis Roldán.

O Tribunal Supremo rebaixou a condena ao marido da infanta Cristina en cinco meses. Aínda así, ademais dos cinco anos e dez meses, deberá pagar máis dun millón de euros en indemnizacións e multas. O alto tribunal entende que Iñaki Urdangarín se beneficiou da malversación de 450.000 euros do Govern das Illas Baleares, pagados á empresa Nóos a cambio de nada. É dicir, non houbo contraprestación.

A mesma sentenza do Supremo absolveu a filla do rei Juan Carlos I e irmá de Felipe VI. A infanta, iso si, terá que abonar unha multa de 136.950 euros por participar da trama “a título lucrativo”.

Comentarios