Un millón de sinaturas escocesas pola independencia

Escocia vén de iniciar oficialmente a campaña a prol da soberanía do país coa vista posta en outono de 2014, data na que se realizará o referendo onde a cidadanía da vella Alba decidirá co seu voto o estatus que desexa para Escocia
A liberdade para Escocia tamén se reclama nos festivais de verán
photo_camera A liberdade para Escocia tamén se reclama nos festivais

"O lugar que ocupe Escocia no seo do Reino Unido debe de ser decidido polos escoceses e escocesas". A frase non é dun independentista escocés. Nin sequera dun deses escoceses e escocesas que, sen ser nacionalista, antepón o dereito a decidir dos habitantes do seu país frente aos dictames de Inglaterra. Esa frase foi pronunciada por David Cameron, primeiro ministro Británico e, para maís inri, xefe de filas do Partido Conservador. Cameron expresou deste xeito a opinión do goberno británico ante o inicio oficial en Escocia da campaña pola soberanía deste país. Unha campaña que tivo o seu pistoletazo de saída nun acto coa presenza do presidente do goberno escocés, o nacionalista Alex Salmond, e na que se mobilizarán milleiros de cidadáns e ducias de colectivos, entidades, partidos, sindicatos e asociacións cun obxectivo claro: Atinxir un millón de sinaturas (Escocia ten 5 millóns de habitantes) para outono de 2014, a data na que se realizará o referendo oficial sobre a independencia de Escocia.

Que vai haber consulta ninguén o pon en dúbida. Primeiro, porque así o decide o goberno de Escocia e segundo, porque o executivo británico non ten intención de poñerlle atrancos. As diferencias céntranse só en dous puntos: A data a celebrar o referendo e o contido da pregunta. No que respecta á primeira das cuestións, desde Londres son partidarios de que ese referendo teña lugar en 2013. O goberno escocés, porén, opta por 2014, procurando así máis tempo para a súa campaña pro soberanía e ao tempo facer coincidir a consulta co 700 aniversario de Bannoockburn, data gravada a lume na historia escocesa por ser unha histórica vitória no campo de batalla dos clans escoceses sobre o exército inglés.

"Nemo me impune lacessit"

O segundo punto en que diverxen Escocia e Gran Bretaña afecta ao contido da pregunta que se lle formulará no referendo aos e ás cidadás de Escocia. Londres opta polo todo ou nada, en palabras de Cameron "dentro ou fóra", sendo así a cuestión que se prantexe na papeleta a de independencia si ou non, sen máis. Pola súa parte, o goberno escocés aposta por outra vía. Xunta ás alternativas de optar pola independencia ou por manter o actual 'status quo', a papeleta contería unha terceira opción: A 'Devo Max', un amplo autogoberno para Escocia, contemplando mesmo total soberanía fiscal, e pola cal este país só seguiría compartindo con Gran Bretaña as cuestións de defensa e, en menor medida, asuntos exteriores.

"Nemo me impune lacessit" (ninguén me ofende impunemente) é o lema nacional da Escocia, unha frase que está a 'bombardear' (en linguaxe graffiteira) muros, valados e paredes de cidades e vilas escocesas en defensa da soberanía para este país e rememorando con estas catro palabras latinas unha longa historia de aldraxe, opresión e ocupación da vella Alba por Inglaterra.

As primeiras semanas da campaña están a ser marcadas por un profundo debate ideolóxico e mesmo tamén práctico sobre as consecuencias da independencia ou da permanencia de Escocia na Gran Bretaña. En todo caso, un debate moi alonxado do discurso do Estado español a respecto dos nacionalismos .A prol dunha soberanía escocesa non só se manifesta o gobernante SNP (Partido Nacionalista Escocés, con maioría absoluta no parlamento), senón tamén o Partido Verde Escocés (con representación na cámara rexional) ou o Parthaid Soisealch na h´Alba (Partido Socialista Escocés, independentista e socialista). Tamén existen redes cidadás e plataformas ambientalistas, sociais e feministas traballando nesta liña. A idea é a de atinxir un millón de sinaturas a favor da independencia para as datas de celebración da consulta.

"Se quero que sexamos independentes non é porque crea que somos mellores que ningún outro país, senón porque sei que somos tan bos como calquera outro país"

Guerra de cifras

O anuncio do referendo provocou unha treboada de inquéritos e sondaxes sobre as intencións de voto dos escoceses e escocesas nesa consulta. Mentres Yougov cifra nun 33% o apoio á independencia e un 57% a oposición á mesma entre os cidadáns de Escocia, ICM Research equilibra máis as forzas: Un 40% a prol da independencia e un 42% en contra.

Mais no caso de que na papeleta se contemplase a opción da 'Devo Max' (amplo autogoberno), ela recabaría o 68% dos apoios dos cidadáns e cidadás de Escocia. Esa é, especulan @s británic@s, o as na manga que se gardan os nacionalistas, para acadar, se non logran a independencia, un amplo autogoberno que desde Westminster algunhas fontes califican como "independencia de facto".

Frente unionista vs Sean Connery

Para evitar ambos escenarios (independencia total ou de facto)  traballa arreo o bloque unionista, encabezado polo Partido Laborista (os conservadores teñen pouca representación en Escocia e desde a época de Tatcher xeran un profundo rexeitamento en amplos sectores da sociedade escocesa), en concreto, polo que fora ministro do Tesouro Alistair Darling.

Coma cara visíbel do independentismo está o actor Sean Connery, que voltou estes días facer fé pública da súa aposta pola soberanía de Escocia. Connery fixo súas as palabras do primeiro ministro escocés, Alex Salmond: "Se quero que sexamos independentes non é porque crea que somos mellores que ningún outro país, senón porque sei que somos tan bos como calquera outro país".

Comentarios