xoves 16/09/21

A Unión Europea recoñece "contactos operativos" cos talibán

A presidenta da Comisión Europea revela contactos cos talibáns para facilitar a saída de refuxiados, e asevera que “nin un só euro de desenvolvemento vai ir a un réxime que nega os dereitos dos civís”.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, o sábado en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, o sábado en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Unión Europea está tendo “contactos operativos” cos talibán, recoñeceu este sábado Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, durante unha comparecencia na base de Torrejón de Ardoz (Madrid), acompañada de Charles Michel, presidente do Consello Europeo, e Pedro Sánchez, presidente do Estado español.

Na visita ás instalacións temporais de acollida de persoas refuxiadas procedentes de Afganistán, Von der Leyen matizou que “non hai conversas políticas nin recoñecemento dos talibán”, circunscribindo o diálogo a “como facilitar a saída da xente de Kabul. Nestes casos, desde logo que é preciso un contacto e é importante falar para salvar vidas”.

Tamén abordou a cuestión dos fondos de axuda destinados a Afganistán, “nin un só euro de desenvolvemento vai ir a un réxime que nega os dereitos dos civís”, afirmou a presidenta da Comisión, que advertiu que os “1.000 millón de euros para os próximos sete anos están vencellados ao respecto polos Dereitos Humanos e ao tratamento das minorías e das mulleres”.

Porén, aclarou que isto non afecta ás ONG. “Temos que asegurar que chegan seguros aos seus fogares ou teñen perspectivas para saír”, indicou, abundando en que con 3,7 millóns de persoas desprazadas, un 80% delas mulleres e crianzas, as necesidades humanitarias multiplicáronse.

Nesta liña, Von der Leyen adiantou que a Comisión Europea ten previsto aumentar a partida de axuda para o país asiático, cunha nova proposta “pronto”.

No tocante á situación de Afganistán, revelou que as informacións coas que contan sinalan que os talibán están a perseguir disidentes e colaboradores das forzas ocupantes en 2001.

Escoitamos os talibán, pero medímolos polos seus actos”, reiterou, incidindo en que "xeracións puideron estudar en Afganistán, e temos que protexelas”.

Na rolda de prensa, Von der Leyen agradeceu “aos Estados membros que acollen refuxiados nas súas familias”, no percurso dunha “traxedia e un severo golpe para a comunidade internacional”, pondo a actuación como “exemplo da alma europea”.

comentarios