A Unión de Comunistas do Curdistán cualifica o goberno de Erdogan de "fascista e despótico"

Continúan as reaccións no movimento de liberación nacional do Curdistán após o falido golpe de Estado da pasada sexta feira en Turquía. O golpe, afirman, expresa unha loita de poder entre dous bandos identicamente reaccionarios.

HDP
photo_camera Apoiantes do HDP

Para entender a posición do movimento curdo a respeito da situación criada polo golpe falido da sexta feira 15 de xullo, hai que ter en conta que desde hai por volta dun ano o Curdistán do Norte está a ser cenario de confrontos durísimos entre o ocupante Exército turco e as milicias do Partido dos Traballadores do Curdistán. 

A ofensiva militar do réxime de Erdogan ten producido miles de mortos entre a populación curda, con bombardeamentos masivos de cidades como Amed, Cizîr e Nisêbin.

Daí que o líder do HDP -o partido de maioría curda que se apresenta ás eleccións en toda Turquía e que ten neste momento 59 escanos no Parlamento de Ankara- utilice desde hai meses a expresión "golpe de Estado civil" para se referir ás políticas xenocidas de Erdogan.

Mesmo así, o HDP e o conxunto do movimento curdo condenaron a intentona golpista do 15 de Xullo. Na súa memoria continúa moi fresca a brutal represión desencadeada polo Exército -lembremos, pro-occidental- contra os activistas pola liberación nacional curda quer en 1971 quer en 1980.

Apresentar Erdogan e o seu partido do AKP como se fosen demócratas "é unha focaxe aínda máis perigosa que o propio intento de golpe de Estado"

Na mesma noite do 18 de xullo, o HDP emitía un comunicado en que afirmaba estar en contra de "calquera tipo de golpe, baixo calquera circunstancia, por unha cuestión de principios", ao mesmo tempo que expresaba a súa arela de que Turquía "inmediatamente abrace unha democracia liberal e pluralista, a paz interna e externa e os valores e convencións democráticos e universais".

Por súa parte, a Unión de Comunistas Curdos -unha das forzas básicas de sustentación do PKK- analisa que o golpe "revela unha loita de poder entre forzas autoritarias, despóticas e antidemocráticas". 

Queren deixar moi clara a súa distancia a respeito de Erdogan, tanto que chegan ao ponto de afirmar que apresentar o presidente turco e o seu partido do AKP como se fosen demócratas "é unha focaxe aínda máis perigosa que o propio intento de golpe de Estado".

Para a  UCC, Erdogan comezou un golpe de Estado moito antes de os militares idearen a súa asonada, caracterizado polo control do poder político sobre a xudicatura, a implementación de "leis e políticas fascistas grazas á súa maioría parlamentar", ben como o "encarceramento de miles de políticos do HDP".

Comentarios