mércores 08/12/21

A Unión Africana apoia a solicitude de suprimir as patentes das vacinas da Covid

Desde que comezou a produción de medicamentos para o VIH e a sida nos países desenvolvidos até que estiveron dispoñíbeis en África pasaron 10 anos. Nese tempo faleceron 12 millóns de africanos. Con este exemplo a UA argumentou a necesidade de eliminar os dereitos de propiedade intelectual dos remedios para a Covid.
Sample-collection-from-a-contact-for-COVID-19-laboratory-test
Toma de mostras para unha proba da Covid-19, realizada nun centro médico de Kenya (Foto: Africa CDC)

A Unión Africana (UA) manifestou esta cuarta feira o seu apoio á petición, encabezada por Suráfrica, para que as farmacéuticas supriman algúns dos dereitos da propiedade intelectual sobre os medicamentos e as vacinas contra a Covid-19, co fin de acelerar o reparto nos países máis desfavorecidos economicamente. 

O Goberno surafricano ─canda ao da India─ xa realizara esta proposta na Organización Mundial do Comercio (OMC) en 2020, argumentando que as patentes estaban a dificultar a produción destes fármacos nun momento de urxencia como o actual. Ambos os dous países son tradicionais produtores de medicamentos e de vacinas.

O apoio da UA supón un importante impulso para superar a oposición existente nalgúns países desenvolvidos. Arguméntase desde estes que suprimir as patentes levaría a unha elaboración e produción de vacinas carente dos estándares e da eficiencia ofrecidas polas farmacéuticas que desenvolveron de forma primixenia os remedios. 

Con todo, John Nkengasong, director de Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades de África (Africa CDC, en inglés), manifestou onte en conferencia de prensa que a supresión dos dereitos de propiedade intelectual levaría a unha situación en que "todo o mundo sairía gañando". Permitiría ─dixo─ dar solución ás enormes desigualdades que existen na sanidade pública a nivel global.

Lembranzas da sida

Argumentouno cun exemplo: a pandemia de VIH e sida, que custou millóns de vidas no continente africano durante a década de 1990. "En 1996, os medicamentos para o VIH estaban dispoñíbeis, e vimos como a mortalidade no mundo desenvolvido diminuíu drasticamente. Mais pasaron 10 anos antes de que eses medicamentos foran accesíbeis en África dunha maneira significativa", sinalou.

"Entre medias, 12 millóns de africanos morreron. Así que só uso eses números para dicir: calquera transferencia da propiedade intelectual será beneficiosa para todo o mundo, porque ninguén quere sentar comodamente e sentirse orgulloso dese triste suceso... Queremos estar no lado correcto da historia", manifestou Nkengasong.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O director de Africa CDC tamén comunicou que o organismo regulador dera a súa aprobación de emerxencia para dúas versións da vacina desenvolvida por AstraZeneca. Ademais, explicou que Gamaleya, o centro que elabora a vacina Sputnik V, lles remitira un "expediente completo", e que nos días vindeiros un panel de expertos examinaría os datos e ofrecería unha valoración. 

"Aínda non recibimos ningún informe dos colegas da China, mais mantémonos optimistas en que nolo remitirán", engadiu. Non obstante, varios países do continente, como Exipto, Cimbabue ou o Senegal, xa comezaron a inocular con vacinas chinesas.

Inicio do reparto 

Por outra banda, hoxe comezará a distribución das 270 millóns de doses reservadas pola UA nun total de 20 países africanos, asegurou Nkengasong. Africa CDC "está a traballar intensamente para despregar estas vacinas ─parte dun total de 670 millóns de doses─ e o que queda agora é un asunto de loxística", detallou na conferencia de prensa virtual.

Aínda que non especificou que países recibirán esas doses, si que aclarou que de se producir algún imprevisto que impedise a súa entrega na xornada hoxe, a operación continuaría durante o sábado e o domingo.

Segundo os datos ofrecidos na web de Africa CDC, Suráfrica é ─con moita diferenza con respecto ao resto─ o país africano con máis casos positivos coñecidos de Covid-19 desde que se decretou a pandemia. Concretamente, acumula máis de 1,5 millóns, cifra que supón 39,08% do total de contaxios no continente (3.856.581). Tamén suma 49.523 falecementos, 48,32% de todos os que se deron no conxunto de África (102.470).

Por detrás, moito máis lonxe, sitúanse entre os máis afectados tres países bañados polo mar Mediterráneo. Marrocos acumula 482.128 casos positivos (1.317 por cada 100.000 habitantes); Tunisia, 230.443 (1.953 por cada 100.000); e Libia, 131.262 (1.989) contaxios.

O mecanismo Covax da OMS comeza a distribución das vacinas en varios países

Tamén a OMS, noutra conferencia, recordou que hoxe chegará a Costa de Marfil o segundo lote de vacinas froito do mecanismo Covax, logo de que na cuarta feira foran distribuídas en Ghana un total de 600.000. O Goberno ghanés anunciou que a campaña comezará na terza feira, inoculando traballadores sanitarios, anciáns, certos líderes relixiosos e membros do poder Executivo, Lexislativo e Xudicial, entre outros.

Está previsto que o mecanismo Covax, creado para favorecer un acceso equitativo en países de ingresos baixos e medios á vacina ─na súa maioría de AstraZeneca─ envíe este mes a África un total de 90 millóns de doses. Na actualidade, máis de 80% das vacinas da Covid distribuídas a nivel mundial concéntranse nos 10 Estados con maiores ingresos.

A Unión Africana apoia a solicitude de suprimir as patentes das vacinas da Covid
comentarios