Unidas Podemos ofrece ao PSOE unha coalición dun ano e despois apoio desde fóra se non funciona

O último intento de Unidas Podemos para rescatar a posibilidade dun goberno de coalición no Estado e evitar a convocatoria de novas eleccións en novembro pasa por máis renuncias: unha coalición curta, apenas un ano, que permita aprobar uns orzamentos en Madrid. 
Pablo Iglesias
photo_camera [Imaxe: Podemos] Pablo Iglesias durante un mitin en Tenerife este ano.

Pablo Iglesias, o secretario xeral de Podemos, chamou a Pedro Sánchez, o presidente do goberno en funcións, e propuxo outra fórmula para que Unidas Podemos e o PSOE compartan goberno. Un ano, acordo e aprobación das contas do Estado e unha avaliación que, en caso de que a experiencia se considere negativa, levaría á saída do goberno dos membros de UP, que mantería o apoio parlamentar ao PSOE até que se esgote a lexislatura.

Foi Podemos quen informou da oferta de Pablo Iglesias, quen insiste en buscar un acordo até o último minuto para evitar eleccións. A coalición, segundo a formula de Iglesias, inclúe un goberno "con programa e equipos" asumindo o reparto de carteiras que ofertaba o PSOE. A proposta engade unha salvagarda para os socialistas: se despois da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, Pedro Sánchez considera que a coalición non funcionou, Unidas Podemos abandonaría o goberno.

O PSOE, a través dun comunicado, tardou "dez minutos" en rexeitar a idea de Iglesias, segundo informan medios madrileños.

Comentarios