"Unidade" para curar as feridas da "guerra incivil", promete Joe Biden

Tras tomar posesión no Capitolio, o novo presidente dos EUA estréase no cargo asinando 15 ordes executivas en temas como inmigración ou emerxencia climática.
EuropaPress_3526075_mujer_joe_biden_jill_biden_presidente_electo_joe_biden_llegada_59_ceremonia
photo_camera Biden, a muller del e nova 'primeira dama', Jill Biden, e Harris, hoxe á súa chegada ao Capitolio (Foto: Europa Press)

Ás 11.48 horas de hoxe en Washington, Joe Biden xuraba como 46º presidente dos Estados Unidos, aínda que non sería até as 12 horas, tal e como estabelece a Constitución, que asumiría o cargo oficialmente. Cinco minutos antes facía o mesmo a súa vicepresidenta, Kamala Harris, a primeira muller da historia en acceder a este posto.

"Este é o día dos EUA. Este é o día da democracia", foron as primeiras palabras do discurso de Biden, onde a máis repetida foi "unidade". Un discurso pronunciado no lugar que dúas semanas antes fora tomado por simpatizantes do seu antecesor e rival nas eleccións do pasado 3 de novembro, Donald Trump, ausente no acto desta cuarta feira. 

A respecto dos sucesos dos últimos meses, co ex presidente denunciando sen fundamentos que os comicios foran fraudulentos, Biden sinalou que amosaran que "hai verdade e hai mentiras. Mentiras contadas co obxectivo de atinxir o poder". "Debemos acabar esta 'guerra incivil' que enfronta vermellos contra azuis", manifestou, en referencia a republicanos e demócratas. "Sen unidade non hai paz, só amargura e xenreira", engadiu.

No seu discurso inaugural, o novo inquilino da Casa Branca salientou cales serán os maiores retos que terá que afrontar durante os próximos catro anos: unha devastadora pandemia, a perda masiva de empregos, a emerxencia climática, a inxustiza racial e o rexurdimento do extremismo político.

Máscaras e oleodutos

Hoxe, xusto despois de tomar posesión, estaba previsto que asinase as súas primeiras ordes executivas ─un total de 15─ en temas como a inmigración: parar a construción do muro na fronteira entre os EUA e México, levantar o veto aos viaxeiros procedentes dalgúns países de maioría musulmá; a crise sanitaria: obriga de usar a máscara en todos os edificios federais, reingreso na OMS; ou o clima: regreso ao Acordo de París, revogación dos permisos para extraer gas en zonas protexidas de Alaska e a cancelación dun polémico proxecto de oleoduto que pretendía unir o Canadá co Estado de Nebraska, atravesando terras protexidas e de pobos nativos americanos.

El e os EUA serán "xulgados por como resolven "esta fervenza de crises da nosa era", recoñeceu Biden, de 78 anos, que antes de servir como vicepresidente de Barack Obama (2009-2017), foi candidato ─sen éxito─ a presidir o país en 1988 e 2008. Un Obama que si estivo presente na cerimonia, ao igual que os ex presidentes George W. Bush e Bill Clinton, en tanto que en representación do Goberno saínte acudiu o vicepresidente, Mike Pence. 

"Volverei", di Trump

Trump abandonou a Casa Branca catro horas antes da investidura, converténdose no primeiro presidente en ausentarse do simbólico traspaso de poderes desde 1869. Despediuse, antes de voar cara á casa del en Florida, cun discurso onde defendeu a súa xestión e asegurou: "Volveremos dalgunha forma".

"Lembrádenos. Sempre loitarei por vós. Estarei a observar. Estarei a escoitar", engadiu un Trump que desexou "grande éxito" ao Goberno de Biden, xa que "teñen os alicerces para facer algo espectacular". Si que cumpriu coa tradición de deixar unha nota de benvida ao novo presidente. 

Na cerimonia de onte, ao máis puro estilo dos EUA, participaron os cantantes Garth Brooks, Jennifer López e Lady Gaga. Mais tamén a poeta negra de 23 anos Amanda Gorman, que recitou: "Aínda que a democracia poida ser de cando en vez adiada, nunca poderá ser permanentemente derrotada".

Comentarios