Unha maré vermella apoiará a Chávez o 10 de xaneiro

O presidente da Asemblea de Venezuela, Diosdado Cabello, anunciou a convocatoria dunha mobilización nacional en apoio ao presidente Chávez o vindeiro día 10 de xaneiro. Neste acto de masas participarán mandatarios doutros países da rexión como o presidente de Uruguay, José Mújica.
Venezuela

Coincidindo coa data fixada pola Constitución para a toma de posesión, o PSUV convoca un acto multitudinario en apoio ao líder bolivariano cuxo obxectivo é "que se recoñeza e respecte dunha vez e por todas a Constitución", asegurou o presidente da Asemblea e vice-presidente do PSUV, Diosdado Cabello en comparerencia de imprensa. Os últimos comunicados feitos públicos polo goberno venezolano, en que se apuntaba o empeoramento do estado de saúde de Chávez, deu pulo á ofensiva iniciada polos grupos da dereita. O último deles esta mesma terza feira da man de Henrique Capriles, gobernador do Estado de Miranda e candidato á presidencia nos comicios celebrados en outubro.

A Constitución estabelece a "imposibilidade absoluta" do presidente en causas taxativas como a morte, a renuncia ou a incapacidade mental ou física determinada polo Tribunal Supremo

Capriles, instou ao goberno de Venezuela a aclarar se Hugo Chávez tomará ou non posesión o vindeiro día 10. "Eu non sei por que lles custa tanto falar coa verdade", aseveraba o líder opositor, argüíndo que a Constitución do país "está para pór límites ao poder, non para darlle máis a quen xa o ten". O gobernador de Miranda afirmou que segundo o disposto no texto constitucional a toma de posesión debe ser celebrada a vindeira quinta feira, porén, continúa o artigo 231 ao que se referiu Capriles, de non ser posíbel, o presidente adoptará as súas funcións perante o Tribunal Supremo.

Malia a todo, Henrique Capriles respondíase a si propio afirmando que "se o 10 de xaneiro o presidente non pode tomar posesión, non quere dicir que deixe de ser presidente". Como xa avanzaba nas últimas semanas este medio, a Constitución Venezolana fixa a folla de rota perante unha imposibilidade absoluta ou mesmo falecemento do presidente, pola cal deberían ser convocadas novas eleccións. No entanto, para se producir este feito, a Carta Magna estabelece unha serie de condicións taxativas que imposibiliten de facto ao mandatario, como son, a morte, a renuncia, a incapacidade física ou mental debidamente ditaminada polo Tribunal Supremo ou a existencia dun referendo revocatorio. En troca, o presidente re-eleito, Hugo Chávez continúa exercendo o permiso que lle foi concedido --unanimemente-- pol@s representantes do poder lexislativo, para recibir o tratamento médico necesario en Cuba, o que desbota a existencia dun suposto baleiro de poder.

Representantes internacionais amosan o seu apoio a Chávez
A complexidade do momento, en grande medida motivada polas incertidumes espalladas desde os grupos mediáticos e a oposición, están a situar a Venezuela no epicentro da política internacional e son moit@s @s mandatari@s que quixeron amosar o seu apoio ao carácter constitucional de Venezuela e ao seu presidente participando dos actos que se están a organizar para o vindeiro día 10. Neste senso, xa anunciaron a súa asistencia o ministro ecuatoriano de Relacións Exteriores, Ricardo Patiño e o presidente do Urugay, José Mújica.

Dilma Rousseff enviou á Habana unha delegación gobernamental para se interesar pola saúde do líder bolivariano

Pola súa banda, a presidenta do Brasil, Dilma Rousseff enviou nos últimos días unha delegación gobernamental á Habana para se interesar polo estado de saúde do líder bolivariano e transmitir o seu apoio. Rousseff consolida así unha relación bilateral con Venezuela re-lanzada após a incorporación deste país ao Mercosur, logo da saída do Paraguay tras o golpe de Estado levado a cabo polo 'colorado' Federico Franco.

Con esta gran mobilización popular, o PSUV procurará amosar internacionalmente a súa unidade --malia os rumores que apuntaban cara a unha loita de poder interna entre Cabello e Maduro-- así como o recoñecemento rexional da lexitimidade e constitucionalidade do goberno de Venezuela.

Comentarios