Unha gran cadea humana por vilas e cidades de Catalunya reivindicará a independencia

Assemblea Nacional Catalana (ANC) e Òmnium Cultural veñen de anunciar que o 11 de setembro unha gran cadea humana percorrerá toda Catalunya sumando centos de milleiros de persoas pola independencia nacional
Catalunya

A Assemblea Nacional Catalana (ANC) xa está a preparar a celebración dun novo 11 de setembro, unha data clave para o nacionalismo catalán. Na súa asemblea desta fin de semana co gallo do primeiro aniversario da ANC, a súa presidenta, Carme Forcadell, anunciou que ese día o soberanismo fará unha nova mostra de forza que ensine o apoio popular que a independencia nacional ten en Catalunya.

"A Manifestación do 11-S foi perfeita, non se pode superar, polo que o 11-S deste ano organizaremos a gran cadea humana pola independencia ao longo de todo o territorio", anunciou.

"Non sei como nin cando, mais axiña as catro barras ondearán pronto libres dentro de todos os estados de Europa "

Para Forcadell, "temos que volver dicir ao mundo que non daremos un paso atrás". Acompañada da presidenta de Òmnium, Muriel Casals, esta insistíu en que "debemos enviar unnha mensaxe ao mundo todos xuntos, collidos da man para dicir que queremos ser un novo estado de Europa".

Consell per la Transició Nacional

Ante os milleiros de persoas que ateigaban o pavillón de Fontajau para celebrar o primeiro aniversario da ANC, Forcadell clamou "Faremos a Gran Cadea Humana pola Independencia!" para tratar de manter o impacto da "histórica manifestación que a ANC espera que forme parte do imaxinario colectivo".

A ANC pechou a súa segunda asemblea xeral chamando á mobilización cidadá e co desexo de que axiña Catalunya se convirta nun estado independente. "Non sei como nin cando, mais axiña as catro barras ondearán pronto libres dentro de todos os estados de Europa ", exclamou Forcadell ante o bater de mans unánime das 3.500 persoas queasistiron a este acto.

A presidenta da ANC avogou porque partidos e goberno catalá se impliquen na creación dun Consello para a Transición Nacional que vaia preparando a independencia catalana e cargou contra o que calificou de "xogo suxo" e "antidemocrático" do Estado español.

Comentarios