Unasur e a ALBA condenan o "secuestro" de Evo Morales "polo imperialismo"

As presidencias de Arxentina, Cuba, Nicaragua, Ecuador e Venezuela amosan a súa solidariedade co mandatario boliviano a piques de abandonar o aeroporto de Austria camiño da Paz logo de que o Estado español accedese finalmente a permitir o voo do presidente

Após coñecerse a decisión de Francia, Italia, o Estado español e Portugal que impediron ao avión presidencial no que viaxa Evo Morales sobrevoar o seu espazo aéreo, as principais organizacións latinoamericanas e os gobernos progresistas de América Latina e o Caribe amosaron a súa solidariedade co presidente de Bolivia. 

Aliás, denunciaron a "indignante" e "absurda" conduta dos Estados membros da UE aos que acusaron de secuestrar ao xefe de Estado boliviano poñendo en risco a vida do líder latinoamericano e da tripulación que o acompaña na súa volta de Moscú. 

O embaixador de Venezuela en Austria considerou o acontecido como un "designio da hexemonía mundial para manter o control sobre os nosos pobos"

"É o designio da hexemonía mundial para manter o control sobre os nosos pobos", asegurou o embaixador de Venezuela en Austria logo de se reunir co mandatario boliviano xunto con representantes diplomáticos do Ecuador, Nicaragua e Cuba. En conversa coa canle venezolana TeleSur, De Jesús denunciou que a negativa do Estado español, Italia, Francia e Portugal respondía aos mandatos dos EUA nunha vulneración "do dereito de autodeterminación" de Bolivia. "Somos libres" para adoptar as decisións que consideren, afirmou con rotundidade a máxima autoridade de Venezuela en Austria. 

Unha "indignante" ameaza ao dereito diplomático 
Para a Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América Latina (ALBA) a retención do presidente boliviano Evo Morales no aeroporto austríaco constitúe "unha flagrante discriminación e ameaza á inmunidade diplomática dun xefe de Estado", como recollen o Dereito internacional. Neste senso, os países integrantes da ALBA instaron aos Estados europeos a "non continuar con esta práctica" --que tildaron de "lamentábel"-- e a "dirimir calquera diferencia" por vías diplomáticas. 

A Unasur amosou "o rexeitamento unánime" dos Estados membros á actitude dos países europeos que impediron o voo de Morales

Por súa parte o secretario xeral da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), Alí Rodríguez calificou de "indignantes e absurdas" o posicionamento adoptado por Francia, Italia, Portugal e o Estado español. Rodríguez, avanzou que a organización se reunirá "de urxencia" para avaliar unha situación que, dixo, "non pode pasar coma se fose un feito normal" e amosou o "rexeitamento unánime" e a "condea" dos Estados que a integran instando, aliás, aos gobernos involucrados a "como mínimo" pedir desculpas.  

Segundo informou a presidenta arxentina, Cristina Fernández, a xuntanza podería desenvolverse esta cuarta feira e sería convocada polo presidente de Perú, Ollanta Omala quen exerce a presidencia pré-tempore da Unasur. 

Comentarios