sábado 29.02.2020
Unai Lizaso, da secretaría nacional de Gure Esku Dago

“O dereito a decidir significa afondar na democracia”

Consultas populares e cadeas humanas a prol do dereito a decidir conforman o modo de operacións de Gure Esku Dago, “unha iniciativa cidadá plural e participativa que traballa polo dereito a decidir de Euskal Herria” constituída en 2014. Unai Lizaso fai parte do seu secretariado nacional e viaxou a pasada semana a Galiza para participar nos actos da plataforma Vía Galega en conmemoración do IX Congreso das Nacionalidades Europeas. Eis un extracto da entrevista publicada no número 317 de Sermos Galiza.

[Imaxe: SG] Unai Lizaso
[Imaxe: SG] Unai Lizaso

3Como nace Gure Esku Dago?

Gure Esku Dago nace do camiño que emprendeu no seu día un grupo de Goierri. Reivindicaban o dereito a decidir. De aí xurdiu a idea de facer unha cadea humana que se fixo en 2011 e que percorreu 125 quilómetros. Aí creamos Gure Esku Dago. Coincidiu ademais cunha época de ilusión en Euskal Herria, porque se estaba traballando no cesamento das accións armadas da ETA. E estaba Catalunya, que reivindicaba o dereito a decidir como solución aos problemas políticos. Comezamos coa filosofía de traballar entre distintos e coa idea de que chegou o tempo da cidadanía. Se até agora o protagonismo fora dos partidos políticos, nós dicimos que a cidadanía ten que tomar as rendas.

E iso que supuxo?

Cambiamos as formas. Ás veces acusásenos de ser moi festivos. Mais nós sempre poñemos un sorriso, somos amábeis. E iso trouxo bastante éxito á hora de organizar os eventos. Porque saímos un pouco do habitual, das concentracións e as manifestacións.

Di que é o tempo da cidadanía e, porén, é o Parlamento vasco o que iniciou os traballos para reformar o Estatuto.

É moi importante. Defendemos que os cidadáns collamos as rendas do noso futuro, pero iso non quere dicir que os partidos e as institucións non teñan o seu papel. É xusto o que queremos: que as institucións vaian en consonancia coas reivindicacións da cidadanía. Segundo as enquisas, a maioría da xente de Euskal Herria está a prol do dereito a decidir. E nós cremos que o dereito a decidir significa afondar na democracia e a maneira de solucionar problemas políticos. Na base da ponencia sobre autogoberno está o dereito a decidir. Na última cadea humana, este ano, emprazamos os partidos a que o reflectisen na ponencia. Un mes despois, o PNV, EH Bildu e nalgúns aspectos Podemos, chegaron a un acordo.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios