Un foro agrario tratará o problema da terra en Colombia

As FARC e o goberno de Colombia desenvolverán un foro agrario en decembro en que a cidadanía achegue propostas a respecto da problemática da terra no país.

A cuestión agraria está a ser o primeiro dos puntos que compoñen a folla de ruta das negociacións cara á paz en Colombia. Neste sentido, e após as primeiras xuntanzas desenvolvidas en Cuba, as FARC-EP e o goberno de Juan Manuel Santos, acordaron desenvolver un foro agrario o vindeiro mes de decembro, encamiñado a crear "un espazo para a participación cidadá no proceso", segundo informaron no comunicado feito público a segunda feira polos representantes de ambas as dúas partes nas mesas de negociación.

Segundo o documento, serán as Nacións Unidas en Colombia e o Centro de Pensamento e Acompañamento do Diálogo de Paz da Universidade do país as institucións encargadas de organizaren o foro en que se tratará a cuestión da terra e o desenvolvemento integral dos campos colombianos. O acto desenvolverase en Bogotá entre os días 17 e 19 de decembro e ten por obxectivo contribuír a resolver unha das cuestións principais do conflito que causou a morte a milleiros de persoas --na súa maioría civís-- e o desprazamento de millóns de persoas.

Malia que o goberno colombiano asegurou antes de se iniciaren os diálogos que non atendería as demandas das FARC --que exixen un outro modelo de desenvolvemento para o país e mudanzas na propiedade das terras-- a convocatoria do foro constitúe un paso adiante no entendemento entre as partes e podería contribuír de maneira beneficiosa ao fin do conflito. Colombia padece un índice de pobreza do 70% da poboación e a tenencia da terra atópase en mans dunha minoría do país, ao servizo dos oligopolios internacionais.

Segundo informaron fontes das FARC-EP durante as últimas semanas, os diálogos transcorren "sen tensións" e avanzar "por un bo camiño", aseveraba Simón Trinidad, comandante da organización detido nos EUA. Porén, malia a declaración dun cesamento temporal ao fogo anunciado pola guerrilla, o goberno colombiano asegurou que continuaría desenvolvendo operacións militares contra a estrutura militar das FARC. No entanto, @s seus representantes na mesa de negociación afirman que todo marcha "a bo ritmo". 

Comentarios