Un estratega, un home austero e o seu pasado na dictadura: as moitas caras de Francisco

O ex arcebispo de Bos Aires, presentado esta cuarta feira ao mundo como o Papa que vai suceder a Bieito XVI, non é un home doado de clasificar. Nel conviven un pastor que rexeita as opulencias, un valedor dos colectivos que loitan contra a trata de persoas e as formas do esclavismo moderno, pero tamén un intelixente político cun accionar nada claro durante os anos negros da historia arxentina. Velaí as moitas voces sobre Jorge Mario Bergoglio.
Imaxe do novo Papa.
photo_camera Imaxe do novo Papa.

"Houbo obispos que foron cómplices da dictadura, pero Bergoglio non", dixo onte, categórico, o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel sobre o ex cardenal e ex arcebispo de Bos Aires, Jorge Mario Bergoglio, que este mércores foi escollido o primeiro Papa latinoamericano na historia da Igrexa e que promete un futuro de austeridade na institución. Con todo, a seguridade expresada polo Nobel arxentino de orixe galega non foi quen de silenciar as duras críticas que o agora pontífice vén recebindo dende hai anos e sobre as que tivo que declarar na Xustiza que investiga os delitos cometidos neses anos de terror e morte.

Nado no porteño barrio de Flores, Bergoglio é fillo de emigrantes italianos. Formouse na adolescencia como técnico químico nunha escola pública e laica e sobre os 21 anos escolleu a carreira relixiosa. Fixo o sem
inario na Arxentina e en Chile e foi ordeado sacerdote o 13 de dicembro de 1969.

Ese foi o inicio dun camiño de ascensos: chegou a «provincial» da súa orde entre 1973 e 1979, a bispo no mes de maio de 1992, arcebispo de Bos Aires e primado da Arxintina en febreiro de 1998, e cardeal nomeado por Juan Pablo II no ano 2001. Esta cuarta feira foi escollido Papa polos 115 cardenais que conformaron o cónclave que tiña como misión dotar a Igrexa dun novo líder.

O primeiro pontífice americano e o primeiro xesuíta é ben coñecido polos cidadáns da cidade de Bos Aires. Leva unha vida austera e afastada de toda estridencia e fama e rexeita con dureza todo sinal de ostentación. A pesar de ser un dos políticos máis influíntes no panorama nacional, sempre foi quen de recebir a calquera fregués que tocase á súa porta, daba resposta a todas as cartas que recebía e soubo ser un pastor compasivo e agarimoso.

A galega de Bos Aires Inés Martínez lembrou para Sermos Galiza o contacto que tivo co Papa: “Algunha vez, atopeime nun deses chamados "momento da verdade". E o cardenal Bergoglio buscou o meu mobil e chamou, sendo eu unha ninguén. Daquela, tiven nel máis cun crego, un conductor e unha boa persoa que se transformou nun cidadán da pé para falar comigo. Comportouse coma un conductor espiritual dándome acougo e, silenciosamente e con determinanción, fixo cambios para que o que me sucedía non se repetise”.

Bergoglio vive nun apartamento da Igrexa, non ten coche nin emprega o que a institución pode poñer ao seu dispor. Colle o metro e o bus coma calquera e toma o xantar tanto na súa residencia coma nun comedor comunitario. Como home, non escapa das paixóns arxentinas: é torcedor do San Lorenzo de Almagro (clube que onte presumiu do socio célebre publicando a imaxe do seu carné http://www.sanlorenzo.com.ar/noticia.php?codigo=43) e din que é un afervoador de Jorge Luis Borges, Fiodor Dostoievski e outros clásicos. Gústalle o tango e bebe o mate. O que se dí aquí “un porteño de ley”.

"Houbo bispos que foron cómplices da dictadura, pero Bergoglio non", dixo onte, categórico, o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel"

O seu rol político tamén é recoñecido sobre todo pola súa intelixencia como estratega e a súa activa participación na conformación dunha fronte opositora á presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Bergoglio rexeitou a apertura de dereitos do goberno arxentino para as parellas do mesmo sexo tanto como nunha posible despenalización do aborto. Máis alá da súa orixe como peronista de dereitas, non estraña o seu enfrontamento cunha administración que implementou fortes política de asistencia social aos pobres dende o aparello do Estado e sen contar coa Igrexa para iso.

O analista e xornalista Washington Uranga desvelou algunhas claves do seu traballo: “Varios recoñecérono como un “home de diálogo”. É certo que Bergoglio sempre dixo que el fala con todos. Pero o fai no seu territorio e coas súas condicións. Este foi precisamente un dos impedimentos que fixeron imposíbel unha relación co ex presidente falecido Néstor Kirchner”, explicou este xoves http://www.pagina12.com.ar/diario/elpais/1-215795-2013-03-14.html.

Outro conflito que o ten como protagonista é o seu pouco claro rol no secuestro e tortura de dous cregos da súa orde sobre o que tivo que declarar ante a Xustiza no ano 2010 e que dende a cuarta feira circula na prensa de todo o mundo. Concretamente, acúsase a Bergoglio de non protexer os cregos xesuitas Orlando Yorio e Francisco Jalics, que traballaban cos pobres nun asentamento de chabola no bairro de Flores e foron secuestrados no ano 1976 na terríbel ESMA. Na súa defensa, o agora Papa rexeitou as acusacións. Tamén dixo que nada sabía do roubo dos bebés das detidas embarazadas ainda que fixo xestións para coñecer a quen fora entregada unha nena nada nun centro clandestino de detención de persoas.

Nestes días, mentres o xornalista Horacio Verbitski -o autor das máis serias reportaxes sobre a relación da Igrexa coa dictadura- recordou as súas investigacións sobre as responsabilidades de Bergoglio (pódese ler algo aquí http://www.pagina12.com.ar/diario/elpais/1-215796-2013-03-14.html) o Nobel de orixe galega saiu na súa defensa: "Cuestiónase a Bergoglio porque din que non fixo canto podía para liberar a dous cregos sendo el, como era, o seu superior na congregación dos Xesuítas. Pero eu sei, personalmente, que daquela moitos bispos pedían aos militares a liberdade de prisioneiros e sacerdotes e non se lles concedía", explicou. E rematou: “Houbo relixiosos máis valentes, pero él non foi cómplice”.

Mentres a polémica continúa, esta quinta feiras o Papa Francisco pagou a conta da residencia na que parou estes días “para dar o exemplo” e rexeitou vestimentas e luxos principescos. Un sinal dos tempos que veñen. E tamén un sinal de que o futuro sempre foi concebido no pasado.

Comentarios