O Pentágono non o considera unha ameaza para os EUA

Un mísil lanzado por Corea do Norte sobrevoa Xapón

Tokio non tentou interceptar o proxectil que, segundo as autoridades xaponesas, non puxo en perigo as populacións do país nipón. Xapón cualifica o incidente de "grave e sen precedentes". O Consello de Seguranza da ONU vaise reunir esta tarde de urxencia para tratar o asunto.

NHK
photo_camera Imaxe tirada da televisión xaponesa que descrebe a traxectoria do mísil

Pyongyang continuaría a testar as súas capacidades militares perante a perspectiva dun ataque estadounidense. Destarte, Corea do Norte, sempre segundo fontes xaponesas, tería lanzado un mísil que sobrevoou o norte do país nipón. Segundo fontes consultadas por Reuters, o proxectil acabou por se partir en tres fragmentos que irían caír en aguas do mar de Xapón, a a 1180 quilómetros a leste do Cabo de Erimo, na illa de Hokkaido.

Portavoces do Exército de Corea do Sur -co que tecnicamente o norte aínda continúa en guerra, pois en 1953 non se asinou a paz senón só un armisticio- afirman que o lanzamento se produciu perto da capital nor-coreana e que o proxectil percorreu 2.700 quilómetros após acadar unha altitude de 550 quilómetros.

CoreiaNon é a primeira vez que un proxectil nor-coreano sobrevoa territorio xaponés. A última vez foi en 2009. Xapón demanda agora ao Consello de Seguranza de Nacións Unidas que intensifique as súas medidas de presión sobre Pyongyang. O previsíbel é un agravamento das sancións, unha medida que mesmo podería contar co apoio de Beijing, o tradicional socio de Corea do Norte.

OS EUA relativizan o lanzamento

Fontes oficiais do Pentágono esforzáronse en desdramatizar o incidente e proclamaron que o mísil non representa un perigo para os EUA, isto é, non tería capacidade de atinxir solo estadounidense.


O mísil sería un Hwasong 12, de medio alcance, en teoría o mesmo modelo con que Pyongyang proxectaría alcanzar a illa de Guam, unha illa situada no Pacífico occidental de xurisdición norteamericana.

Comentarios