ELECCIóNS EN TRES LáNDER

O odio ás persoas refuxiadas impulsa o grande avanzo eleitoral da ultradereita en Alemaña

O partido ultra Alternativa para Alemaña (AfD) experimentou un ascenso considerábel nas eleccións a tres lánder que tiveron lugar o domingo. A formación xenófoba situase como segunda forza política en Sajonia Anjalt e foi a terceira en Baden-Wüttemberg –onde Os Verdes se converteron por vez primeira no partido máis votado- e en Renania-Palatinado.

Membros do partido de ultradereita celebran os resultados
photo_camera Membros do partido de ultradereita celebran os resultados

A AfD, que naceu hai tan só tres anos, logrou facer valer a súa mensaxe contra a acollida de persoas refuxiadas e entrará nas tres cámaras rexionais. Segundo os últimos dados, a AfD obtivo o mellor resultado, o 24% dos apoios, en Sajonia Anjalt (o leste do país) e sitúase como segunda forza tras a Unión Cristianodemócrata (CDU) de Merkel, que obtivo entre o 29% e o 30,5%. A Esquerda fíxose con entre o 16,5% e o 17% dos votos, mentres que o Partido Socialdemócrata acadou só o 12% dos apoios e ficou relegado á cuarta forza.

En Baden Württemberg (sur da Alemaña) manteñen o liderado Os Verdes, que acadaron o 32% dos votos, mentres que o SPD, o seu socio de coligazón, caeu dez puntos e ficou co 13% dos votos. A CDU perdeu 13 puntos e fíxose co 27% das papeletas. A AfD conseguiu o 15% dos apoios neste Länder.

En Renania Palatinado (oeste do país) conservan a súa condición de primeira forza os socialdemócratas grazas ao 37,5% dos votos, por diante da CDU, que obtivo o 33% e da ultradereita, que se sitúa como terceira forza, co 12,4% dos votos.

Na oposición

Os principais partidos xa advertiron de que en ningún caso negociarán coa ultradereita, que ficará na oposición nos tres Estado, ao igual que xa o fai nos outros cinco en que ten representación parlamentar. Nos comicios rexionais de 2013, a AfD ficou fóra do Bundestag por unas décimas, ao non lograr o mínimo necesario do 5% dos votos. Nas eleccións europeas de 2014 acadou sete escaños, aínda que só dous europarlamentares manteñen as siglas após a división do partido.

Estas eleccións foron as primeiras que tiveron lugar na Alemaña após a crise das persoas refuxiadas e as medidas racistas adoptadas por distintos Estados europeos. Nestes comicios vota unha quinta parte das persoas con dereito a voto na Alemaña, un total de 12,7 millóns de persoas. De aí que distintos medios se afanen en realizaren proxeccións de cara ás eleccións xerais de 2017.

Comentarios