A ultradereita axita as rúas e sérvese da violencia para estigmatizar migrantes

Saúdos fascistas e cánticos racistas resoaron nas últimas noites en violentas mobilizacións que recorreron múltiples cidades do Estado español e, pese a que fontes institucionais e policiais apuntan con claridade a ultradereita como alentadora dos actos, segue callando o discurso mediático que mistura detrás da violencia un confuso conglomerado formado supostamente por mocidade "con ganas de saír", migrantes, traballadores, persoas en desemprego ou autónomas da hostalaría. 

Protesto en Barcelona contra as restricións implantadas polo Govern catalán para facer fronte á pandemia.
photo_camera Protesto en Barcelona contra as restricións implantadas polo Govern catalán para facer fronte á pandemia (Foto: TVE)

A fin de semana, alongada por ponte en seis comunidades do Estado español, deixou un camiño de protestos que remataron en actos violentos, rotura de mobiliario urbano e saqueo de tendas e doutros estabelecementos.

Ás xustas reivindicacións de comerciantes, hostaleiros e autónomos de Barcelona e Oviedo na sexta feira seguiron disturbios que se estenderon na fin de semana a Zaragoza, Logroño, Bilbo, Vitoria, Santander, Burgos, León, Madrid, Sevilla, Málaga, Granada, Murcia... A acción policial, porén, contrasta en moitas destas urbes coas cargas vividas noutro tipo de protestos.

O máis rechamante, desde logo, as imaxes da policía fuxindo do avance da mobilización a pasada sexta no barrio obreiro de Gamonal, en Burgos (Castel e León), onde na memoria da veciñanza continúan as brutais cargas vividas en 2014 pola mobilización de clase en plena crise capitalista. 

Perfís e estigmatización

Das 33 persoas detidas o sábado nos disturbios de Madrid, dous eran menores de idade, oito tiñan entre 18 e 19 anos; 22 entre 20 e 30 e só un superaba esa idade. A este perfil agárranse medios conservadores, sinalando como cabeza de turco a mocidade "acostumada a saír até altas horas da mañá e cansa coas restricións".

Mais hai un partido, Vox, que vai alén, servíndose da desesperación e precariedade da clase traballadora e do sector da hostalaría para tentar representar o descontento deste segmento. Eis o oportunismo recorrente dos movementos fascistas en tempo de crise e que segue un claro patrón novamente: Vox alenta as protestas contra as restricións de mobilidade, reunión e recoller obrigatorio e culpa dos disturbios que se producen a "extrema esquerda" e "migrantes" e pide man dura contra eles.

Santiago Abascal, líder de Vox, pediu á policía que protexa o dereito de manifestación e que identifique e deteña "a extrema esquerda, 'menas' -siglas que emprega a ultradereita para deshumanizar as e os menores de idade migrantes-  e infiltrados que provocan disturbios e saqueos". 

Con todo, o poder das imaxes rebate o discurso xenófobo e ultra de Vox que apunta a mocidade, migrantes e anticapitalistas como promotores da violencia. En Madrid, os vídeos das mobilizacións amosan numerosos brazos en alto facendo o saúdo fascista, cánticos de "esta tierra es nuestra y hay que defenderla" (esta terra -España- é nosa e hai que defendela), e en Valladolid houbo agresións a xornalistas mentres se axitaban bandeiras españolas aos berros de "Sieg Heil" (saúdo nazi). 

Aínda así, a ultradereita seguiu apuntando mesmo á esquerda independentista do vandalismo en Euskadi e Catalunya, ao que desde Sortu responderon nun comunicado emitido denunciando "enerxicamente" o "intento dos extremistas de dereita de utilizar a crise sanitaria, económica e social para fortalecer a súa axenda reaccionaria, disfrazada de discurso supostamente desobediente e antiautoritario".

Nese comunicado, Sortu tamén responsabiliza os dirixentes políticos das Administracións "que fixeron e están facendo unha xestión miserábel da crise como responsábeis deste estado". Unha xestión que para Sortu "provoca o malestar da cidadanía. Sementa ira e desconfianza, aplanando o camiño a actitudes egoístas e individualistas, negacionismo e conspiración". 

O PP e Vox tiveron desencontros polas protestas. Os de Casado criticaron Abascal por apoialas. Con todo, estes días resoa o aviso da presidenta de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, após as mobilizacións da burguesía contra as restricións na rúa Núñez de Balboa da capital, asegurando que cando se puidese saír de casa, en comparación ao que se produciu nese barrio, "vailles parecer unha broma". 

Practicamente todas as comunidades viviron estas xornadas de violencia excepto a Galiza, casualmente onde o fascismo carece de forza e Vox ten cero edís e cero deputados. 

Comentarios