Eleccións en Francia

As últimas sondaxes sinalan unha vitoria clara de Macron

O actual presidente de Francia, Emmanuel Macron, gañaría con 57% dos votos por 43% de Le Pen, revalidando así a Presidencia da República francesa.
mmanuelle Macron aspira a revalidar a Presidencia de Francia. (Foto: Thomas Coex / AFP / dpa)
photo_camera mmanuelle Macron aspira a revalidar a Presidencia de Francia. (Foto: Thomas Coex / AFP / dpa)

A última sondaxe que deu a coñecer onte a consultora Opinion Way sinala un triunfo claro de Emmanuel Macron, presidente da República francesa, sobre Marine Le Pen, líder da Agrupación Nacional.

Cunha diferenza de 14 puntos, dous máis que na xornada anterior, cando se recollían as primeiras impresións despois do debate electoral da terza feira, os aspirantes á Presidencia de Francia colocaríanse con 57% e 43%.

A sondaxe publicada onte pola consultora Ipsos ofreceu as mesmas porcentaxes de voto, mais neste caso sinala unha tendencia positiva para Le Pen, que acurtaría un punto de distancia con respecto a Macron en comparación cos datos que ofreceu a xornada anterior, xusto despois do debate da terza.

Tamén a consultora Elabe elaborou unha sondaxe despois do debate, mais neste caso sobre a percepción cidadá sobre as candidaturas. Segundo os resultados desta enquisa, as persoas francesas perciben a Macron como máis capaz e sincero, mais ao mesmo tempo como máis arrogante.

Con respecto a Le Pen consideran que é máis disruptiva e próxima ás preocupacións da xente, coa nota negativa de xerar máis inquietude na poboación. 

Cinguíndose exclusivamente á súa actuación no debate, esta mesma consultora publicou que 59% consideraron que Macron o fixo mellor, mentres que 39% se decantaron por Le Pen.

Os resultados tamén denotan unha importante desafección política do electorado francés, con máis de 30% do electorado amosando non confiar nas candidaturas.

A socialdemocracia europea apoia Macron

Nunha misiva enviada a medios de comunicación de diferentes Estados, líderes da socialdemocracia europea que ocupan a xefatura do Executivo en Estados como Alemaña (Olaf Scholz), España (Pedro Sánchez) ou Portugal (António Costa), teñen pedido abertamente o apoio a Macron para que non se produza unha vitoria de Le Pen.

Comentarios