A última oferta de Sánchez mantén a Unidas Podemos fóra do Consello de Ministros

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, ofreceu a Unidas Podemos participar na "gobernabilidade" do Estado dirixindo institucións e organismos fóra do Consello de Ministros. 
[Imaxe: PSdeG] Gonzalo Caballero, con Pedro Sánchez na presentación en Madrid das 370 medidas para un goberno progresista.
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Gonzalo Caballero, con Sánchez na presentación en Madrid das 370 medidas dos socialistas.

Nun acto en Madrid no que presentou as 370 medidas que se compromete a cumprir se logra ser investido presidente, Pedro Sánchez rexeitou de novo un goberno de coalición, tal como pide Pablo Iglesias. Mentres, o ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, exixía a Iglesias que deixara “a humillación fóra das negociacións”.

Nunha entrevista na televisión pública estatal, o líder de UP mostrábase disposto “a asumir unha humillación” antes de que se chegue a disolución das Cortes (a data límite é o 23 de setembro) que daría paso a novas eleccións. 

Na oferta do PSOE a UP inclúese un “non” expreso á celebración dun referendo de autodeterminación en Catalunya. Os socialistas dedican un único punto á cuestión catalá, no que apostan por un Estado das autonomías “forte” e por impulsar un diálogo coa Generalitat “sempre dentro da Constitución”. Podemos xa limitara o mes pasado a súa proposta sobre Catalunya eludindo calquera mención a un eventual referendo de autodeterminación.

Pero Sánchez insistiu nas distancias que separan ambas formacións e volveu rexeitar un Executivo "compartimentado e dividido nun momento crítico" para o Estado, sinalando que o único xeito posíbel de evitar novas eleccións en novembro e que UP lle proporcione o apoio parlamentario desde a oposición.

En breve abrirase unha nova quenda de negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos. O equipo negociador dos socialistas é o mesmo que en xullo: Carmen Calvo, María Jesús Montero, José Luis Ábalos e Adriana Lastra. 

No acto que se celebrou na Estación de Chamartín, Sánchez estivo apoiado por uns setecentos convidados, entre eles, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Comentarios