UGT e CCOO reúnense con Rajoy para partillaren a súa preocupación polo "antieuropeísmo"

Os líderes dos sindicatos españois mantiveron un encontro na Moncloa que cualificaron de “sincero e construtivo”

 

A secretaria xeral da Confederación Europea de Sindicatos (CES), Bernadette Ségol, e os secretarios xerais de UGT, CC.OO. e USO, Cándido Méndez, Ignacio Fernández Toxo e Julio Salazar, respectivamente, pediron esta segunda feira “valor político” ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para abordar no próximo Cumio Europeo un plan que estimule o crecemento económico e o emprego após constataren o “fracaso” das políticas de austeridade. Os dirixentes dos sindicatos españois fixeron esta petición durante a reunión que mantiveron na Moncloa xunto ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy e a súa ministra de Emprego, Fátima Báñez.

Os líderes das centrais dixeron partillar con Rajoy “a súa preocupación por que, si isto continuar así, o Parlamento Europeo pode ir cambiando a súa composición e incorporando partidos con posicións anti-europeístas”. Ademais, Toxo e Méndez definiron o encontro como un “intercambio sincero e construtivo”, do mesmo xeito que a ministra de Emprego subliñou que o Goberno do PP insistirá nas institucións de Bruxelas na “unión bancaria, o financiamento das pemes e os 6.000 millóns de euros comprometidos para combater o paro xuvenil”.

Malia a intención manifestada polo sindicalismo combativo, por exemplo pola CIG en Galiza, de convocar unha nova folga xeral contra a política de recortes, os sindicatos españois parecen estar moi lonxe desas posicións e amosáronse na Moncloa moi cómodos coa estratexia de pacto co PP, semellante á postura tomada polo PSOE de Pérez Rubalcaba.

Comentarios