A UE pondera non renovar o contrato con AstraZeneca e Janssen en 2022

A suspensión da entrega por parte de Janssen acabou coa paciencia de Bruxelas, tras os desencontros con AstraZeneca e os casos de trombos "moi raros" mais presentes na mente da cidadanía europea. A Comisión anunciou que Pfizer adiantará doses para cubrir os atrasos das dúas anteriores que, segundo 'La Stampa', caerían do plan da UE.
EuropaPress_3642570_handout_14_april_2021_belgium_brussels_european_commission_president_ursula
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, a alemá Ursula von der Leyen, comparecendo en Bruxelas (Etienne Ansotte / dpa)

"Dal 2022 stop a AstraZeneca e J&J", titulaba en primeira plana esta cuarta feira, 14 de abril, o italiano La Stampa, que aclaraba a continuación que "a UE non renovará os contratos das vacinas de vector viral". Xa en páxinas interiores, apuntaba: "A Comisión, de acordo cos líderes de moitos países [da UE], decidiu que os contratos en vigor para o ano en curso coas compañías que producen vacinas [baseadas na tecnoloxía dos adenovirus como vector viral] non serán renovados ao seu vencemento".

No caso concreto de Italia, a intención do Goberno que preside Mario Draghi é reservar as doses de "AstraZeneca, J&J [Johnson&Johnson, matriz de Janssen], Sputnik e a italiana ReiThera só para maiores de 60 anos". Cómpre lembrar que a estratexia común de compra por parte da UE é compatíbel coa adquisición de forma bilateral por parte dos Estados ou dos territorios subestatais con competencias.

A respecto desta información, a Comisión dixo que manteñen todas as opcións abertas de cara ás seguintes fases da pandemia, en 2022 e máis alá. "Non podemos, porén, facer comentarios sobre asuntos contractuais", sinalou un portavoz do Executivo comunitario a preguntas de correspondentes en Bruxelas. Polo tanto, non é aínda unha decisión oficial.

Acordo co "socio fiábel"

Si que xa o é o acordo da UE con Pfizer/BioNTech para adiantar ao segundo trimestre deste ano ─xa mesmo, de abril a xuño─ a entrega de 50 millóns de doses da súa vacina contra a Covid, prevista para os últimos tres meses do ano. Anunciouno esta cuarta feira a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, nunha declaración sen preguntas.

"Cómpre centrármonos nas tecnoloxías que probaron a súa eficacia", afirmou, nunha crítica velada á farmacéutica anglosueca AstraZeneca, coa que a UE mantén un enfrontamento debido aos incumprimentos nas datas de entrega supostamente acordadas. As doses que proporcionarán a estadounidense Pfizer e a alemá BioNTech virán suplir eses ocos.

Pfizer/BioNTech "demostrou ser un socio fiábel. Cumpriu cos seus compromisos e é receptivo ás nosas necesidades. Isto vai no beneficio inmediato da cidadanía da UE", manifestou Von der Leyen.

A decisión chega horas despois de Janssen anunciar a suspensión da entrega na UE logo da recomendación das autoridades sanitarias dos EUA de analizar a hipotética relación entre a administración desta vacina e seis eventos tromboembólicos (de entre as sete millóns de doses inoculadas no país norteamericano).

Bruxelas contaba con esta importante entrega para avanzar cara ao obxectivo de vacinar 70% da poboación antes de outubro (o antíxeno de Janssen é unidose, o que acelera o dobre o proceso). 

Un contratempo que se sumou ao incumprimento de AstraZeneca, que era a priori a que máis expectativas xeraba por ser a máis económica e a máis fácil de transportar e de almacenar. Porén, segundo a UE, no que vai de ano só entregou 30 millóns de doses das 120 millóns comprometidas. 

Mirando a 2023

Ademais, Von der Leyen confirmou que negocian con Pfizer/BioNTech a compra a maiores de 1.800 millóns de doses a obter entre 2022 e 2023 e coas que responder á aparición de novas variantes. "Implicará que non só a produción das vacinas, mais tamén todos os compoñentes esenciais, estarán localizados na UE", salientou a alemá.

Un anuncio na liña do adiantado por La Stampa. É dicir, centrarse na adquisición das vacinas con tecnoloxía de ARN mensaxeiro (Pfizer/BioNTech e Moderna) en detrimento das que usan adenovirus como vector viral (Janssen, AstraZeneca, Sputnik V). 

Nas primeiras, o ingrediente activo ─o vehículo─ é o ARN mensaxeiro, que contén as instrucións para que as células humanas constrúan unha peza inofensiva do coronavirus chamada espícula (a parte con forma de agulla) e só esa peza. O sistema inmunolóxico recoñécea e prepárase para responder en caso dunha infección.

Nas segundas, o vehículo que transporta as instrucións para o organismo construír a espícula é un adenovirus ─un virus inofensivo de entre os 50 existentes, como o do arrefriado común─ e que ademais está atenuado para non causar infección. 

Segundo un artigo publicado a semana pasada en The New England Journal of Medicine, algunhas das partículas do adenovirus veríanse atraídas por unha proteína chave na coagulación do sangue, provocando os xa famosos e ─en palabras da EMA─ "moi raros" eventos tromboembólicos. 

Dinamarca anuncia a suspensión definitiva da inoculación coa vacina de AstraZeneca

As autoridades sanitarias danesas confirmaron esta cuarta feira a eliminación definitiva da vacina contra a Covid-19 desenvolvida por AstraZeneca e a Universidade de Oxford do seu plan de inmunización, debido ao vínculo do fármaco con eventos trombóticos "moi raros". A decisión tomouse debido ao "bo control" da pandemia no país nórdico e á dispoñibilidade doutras vacinas, segundo informou aos medios o director da Xunta Nacional de Saúde de Dinamarca, Soren Brostrom.

"Se en Dinamarca estivésemos nunha situación completamente diferente, por exemplo, cunha terceira vaga violenta e un sistema sanitario baixo presión, e non tivésemos chegado tan lonxe na vacinación, non dubidariamos en usar a vacina, mesmo se houbese complicacións raras máis graves", manifestou.

Comentarios