A UE suspende o Erasmus a Suíza polas restricións impostás á inmigración

As institucións comunitarias suspenderon o programa Erasmus e o Horizonte 2020 (de apoio á investigación) após aprobar Suíza en referendo a fixación de cotas de entrada no país para persoas estranxeiras. 

suiza_cartaces_referendo_inmigracion_640
photo_camera Cartaces do referendo sobre inmigración

A Unión Europea acordou esta segunda feira suspender os programas Erasmus e Horizonte 2020 (de apoio á investigación) con Suíza. A decisión comunitaria prodúcese após a aprobación en referendo, o domingo 9 de febreiro, da limitación no acceso ao país de persoas inmigrantes e, no concreto, logo de se aplicar a primeira medida concreta ao respeito. 

Suíza suspendeu a pasada semana o acordo bilateral con Croacia que permitía o alargamento do libre acceso @s croatas que fosen traballar --e do que xa se benefician os habitantes comunitarios. Perante iso, Bruxelas decidiu suspender as negociacións arredor dos seus programas de mobilidade e axuda á investigación até que Suíza asine de novo o acordo. "Dadas as circunstancias, e a falta dun sinal político claro, as próximas negociacións fican suspensas até que a Suíza asine", indicou o portavoz comunitario, Joe Hennon. 

A UE suspende o programa de mobilidade e apoio á investigación até Suíza asinar o acordo bilateral con Croacia

Suíza renegociará os acordos bilaterais que entren en contradición coa restrición do acceso ao país

A decisión do goberno suízo deveu da aprobación en referendo dunha proposta achegada polo SPV (partido de dereitas) que demandaba a restrición da "inmigración en masa" que, din, está a padecer o país. A iniciativa, que contou co apoio do 50,3% do eleitorado --nuns comicios nos que participou pouco máis do 56% da poboación-- crea unha nova "disposición constitucional" pola que o executivo ha "renegociar a libre circulación de todos os acordos que que entren en contradición coa nova lei" e que suporá, de facto, a limitación do dereito de libre circulación de persoas. 

A dereita suíza fixo callar a súa proposta na sociedade responsabilizando á inmigración --que representa o 23% da poboación total-- de copar empregos, da caída dos salarios e mesmo da escaseza de vivendas, nun país no que o desemprego se sitúa no 4%. En Suíza viven por volta de 40.000 galeg@s. 

Comentarios