A UE sanciona Irán por vender drons ás Forzas Armadas rusas

Rusia considera que o adestramento de militares ucraínos na UE converte o bloque comunitario en "parte do conflito", mentres Bruxelas anuncia as primeiras sancións contra Irán pola suposta venda de drons a Rusia.

Dron militar iraniano. (Foto: Iranian Army Office / ZUMA Press W / DPA)
photo_camera Dron militar iraniano. (Foto: Iranian Army Office / ZUMA Press W / DPA)

Os embaixadores dos países membros da Unión Europea (UE) acordaron esta quinta feira impor sancións a cinco persoas e tres entidades de Irán pola suposta subministración de drons ao Exército ruso, tres días despois de que os ministros de Exteriores solicitaran recompilar probas destas vendas.

Nese sentido, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, reiterou que “todos os indicios” amosan que o país asiático transferiu drons militares a Rusia, antes de negarse a ofrecer detalles destas acusacións. Horas antes, o líder da alianza militar, os Estados Unidos, efectuou unha denuncia semellante no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas.

Desde a entrada de Rusia na guerra en Ucraína a finais de febreiro Bruxelas enviou armamento a Kíiv por valor de 3.000 millóns de euros, arredor de 10% das armas que recibiron.

Pola súa banda, Teherán e Moscova negaron en distintas ocasións as acusacións, instando a OTAN a presentar probas que as avalen.

A UE na guerra

Con respecto á misión de adestramento de 15.000 integrantes da Forzas Armadas de Ucraína, a voceira do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zajarova, salientou que esta decisión “sen dúbida converte a UE en parte do conflito”, cuestionando as prioridades do bloque comunitario polo financiamento das autoridades de Kíiv. “Pídenlles aos seus cidadáns que se bañen e quenten menos posto que non hai maneira de que a súa vida sexa cómoda. Nós sabemos onde van os cartos”, aseverou.

O Exército ruso comunicou unha nova rolda de ataques aéreos contra infraestruturas enerxéticas ucraínas, principalmente na área de Khersón, Khárkiv e Donetsk. Os ataques con drons afectaron un centro educativo en Mikolaiv, informou Ucraína.

Ademais, en Lugansk, os bombardeos ucraínos contra o departamento de Emerxencia da República Popular provocaron a morte de cinco empregados públicos, trasladou TASS.

No plano diplomático, Oslo culpou a Intelixencia rusa de utilizar drons para inspeccionar instalacións de infraestrutura do país escandinavo, após a detención a cuarta feira de sete cidadáns rusos. En paralelo, Londres afirmou que a finais de setembro un avión militar ruso lanzou un mísil preto dun avión espía británico no mar Negro.

Asemade, o Servizo de Intelixencia do Ministerio de Defensa de Ucraína apuntou que “máis de 8.000 mercenarios do Grupo Wagner” participaron na guerra a favor de Rusia.

Comentarios